Os que nacemos coa concentración parcelaria xa feita e botamos a andar nos primeiros setenta sempre a tivemos máis ou menos idealizada. No instituto Alfredo Brañas de Carballo, punto de encontro con xente de todo Bergantiños, parte de Soneira e media Cerceda e Tordoia, ata presumía ante os rapaces de lugares onde non a había. Moitos lugares, para a miña sorpresa. Era un símbolo de modernidade. E dende logo que axudou ao desenvolvemento de parroquias, á mellora dos cultivos.
Claro que agora, visto co paso dos anos, igual non todo saíu tan ben. Un experto en patrimonio tenme comentado que a concentración acabou cun ciclo da auga milenario, entre outras perdas. Ou co aproveitamento natural dos terreos. Tamén hai aspectos que nunca se teñen en conta, pero son moi importantes. Contábao Genaro Torrado, nun artigo na Voz, do que se atopou á volta de ir estudar fóra: «Suprimidos valados e pasadoiros, alisadas as terras, desaparecidos os camiños, novos donos de diferentes leiras de nomes a esquecer. Un mundo desaparecía de modo terrible para un rapaz de 16 anos».
Son capaz de imaxinar eses mundos cando paso, moitas veces, por parroquias que nin tiveron concentración nin nunca a terán. E véxolle máis vida, ou se cadra máis alma, ca outras. Esas que se van abandonando, herbais que se volven brañas, leira que agora dan pinos ou eucaliptos, cando non tés alguén a quen cederlla. E se o tes, chegan cos seus grandes tractores a sementar ou ensilar, acaban en varias horas, e só volven para recoller. A única alma que hai aí é a dos cabalos de vapor que moven esas máquinas.