A RAG bota a andar dende Cerceda, coa Primavera das Letras, o festexo do 17 de maio

CERCEDA

Escolares do colexio Celso Emilio Ferreiro de A Silva representaron «As Ferreñas (en vivo e en directo)»
10 mar 2025 . Actualizado a las 21:00 h.«Hoxe inauguramos esta Primavera das Letras 2025, e é como se inaugurásemos unha ponte. A Real Academia Galega creou esta ponte para conectar cos nenos e nenas de todos os colexios de Galicia». Así explicou a académica Fina Casalderrey no CEIPP Celso Emilio Ferreiro de A Silva, Cerceda, en que consiste a Primavera das Letras, cuxa nova edición tamén lle dá saída oficial á programación da RAG en torno a este 17 de maio, un ano no que se recoñecen a sete «escritoras orais», en palabra do presidente da institución, Víctor Freixanes: «Sen necesidade de escribir, transmitiron a lingua aos seus netos e netas, a todos os que viñeron detrás». Son Rosa e Adolfina Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda), Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía) e Teresa García, Manuela Lema, Prudencia e Asunción Garrido (Mens, Malpica).

A través de Primavera das Letras, apoiada pola Deputación da Coruña, ofrécenselle aos rapaces recursos lúdicos e didácticos «quefaciliten tanto que os nenos galegofalantes sigan empregando o idioma, como a incorproación dos que non so n», e para mostra o texto teatral escrito por Paula Carballeira e ilustrado por Nuria Díaz que este luns representaron por vez primeira alumnas de quinto e sexto de primaria do colexio cercedense. A súa directora, Silvia Betanzos, incidiu nos múltiples motivos de orgullo que supón esta elección «dun pequeno centro rural» para abrir o ano máis popular das Letras, unha xornada da que tomou parte tamén a comunidade educativa, e mesmo exalumnos, estudantes do veciño CPI O Cruce.


Katia, Clara, Sira, Noa Pallas, Valeria, Alicia, Aitana, Noa Costa, Lara, Daniela, Nerea, Noa González, Camila Victoria e Marta foron as encargadas da escenificación inaugural de As Ferreñas (en vivo e en directo), un texto xa dispoñible en primaveradasletras.gal, «para que dende calquera colexio se poida coller e darlle vida», afirmou Carballeira: «O teatro pon diante nosa todo aquilo que imaxinamos». Incluso ás propias cantareiras que este ano se homenaxean: «Para nós non están mortas». Legaron identidade: «Eu quixen neste texto dar unhas grazas xigantes ás persoas que mantedes viva a cultura, e a quen nos deixou todo isto»
Coplas, pandeiretas, poesía, teatro ou radio mestúranse na obra con aturuxos e esconxuros, piques, réplicas e mesmo algún punto de baile: «Novas ou vellas imos cantar todas xuntas», «se falo así é porque mo aprenderon». Un diálogo entre mozas do século XXI e «vellas» con moito que ensinar. «Para saber onde imos temos que saber ben de onde vimos», afirmou o alcalde, Juan Manuel Rodríguez. Na ollada cara adiante, dixo tamén o rexedor, sempre terá un papel esencial a educación.

Así, nun ateigado auditorio, e estando en terra cercedense, non faltaron onte netos e bisnetos de Rosa e Adolfina. Todos se recoñeceron «honrados». Falou Felicidad en representación de todos: «Hoxe é un día especial para nós e a nosa familia. Sentímolo n corazón e na alma, hoxe honramos a unhas mulleres únicas, entre elas a viña avoa Rosa, ou a madriña, como lle chamábamamos a Adolfina. Elas foron cantareiras e pandeireteiras. Forman parte desa familia de mulleres que coas súas mans e coa súa voz gardaron e transmitiron a nosa historia, a nosa identidade, a nosa lingua. A súa música non era só festa: era resistencia, era amor pola terra, era orgullo de ser galega. E ese ano no Día das Letras Galegas celébrase o que elas representaban: a forza da tradición e da cultura popular. Agora somos nós os que temos a responsabilidade de transmitírllelo ás novas xeracións. De ensinarlles a amar a nosa lingua, a nosa música, a nosa historia. Porque a lingua é a raíz que nos sostén, o fío invisible que une o pasado co futuro. Eu, desde a aula [é mestra de infantil] e dende a vida, quero seguir ese camiño, levando con orgullo as súas voces e o seu exemplo».

Felicidad, Rosa, Montse, Rafael... Todos teñen na memoria á avoa Rosa, e tena asemade o primeiro bisneto, Iago, que aínda lembra as xornadas de festa na casa de Rosa, a vontade de ter a toda a familia reunida, como este luns manifestaba. Tamén lembran esas reunións de mocidade Manolo, Alberto ou Juan Manuel, neste caso netos de Adolfina: «Despois de comer era a que empezaba, e Rosa logo se apuntaba. Se non había pandeireta, unha botella de anís, un plato ou unha cunca». «Cando alá polos anos 60 baixabamos na vella estación do tren de Meirama e iamos andando cara A Vila á casa da nosa avoa Adolfina polas festas do Carme, nunca imaxinei que sesenta anos despois asistiría a unha homenaxe ás cantareiras como representantes dunha tradición oral, hoxe recordada, e na que están incluídas a nosa avoa e a súa sobriña Rosa. Grazas á RAG e ao colexio Celso Emilio Ferreiro polo seu recoñecemento. Tamén recordamos hoxe a Dorothé Schubarth, que fixo posible a conservación en textos e audios de toda esta tradición», escribiu para a ocasión Manolo. «Contentos e abraiados» recoñecíanse dende a familia logo de ter presenciado o que Víctor Freixanes definiu como «a representación teatral máis bonita do mundo». «Vós sodes a verdadeira Primavera das Letras», asegurou Casalderrey ante todo o alumnado. Campaniñas timbradoras, que diría Rosalía, vagulumes que diría Castelao. Será así mentres sigan falando a «lingua guapa». Pechou Freixanes: «O máis bonito da Primavera das Letras é o futuro, e o futuro sodes vós. Traballar a esperanza é traballar por nós mesmos».