O Vello Camiño trae futuro para As Encrobas 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CERCEDA

Un cento de persoas transitaron o trazado desta ruta de peregrinación pola parroquia cercedense 

28 may 2025 . Actualizado a las 20:38 h.

Unhas cen persoas participaron este domingo na «inauguración» do tramo do Vello Camiño de Santiago ao seu paso polas Encrobas, en Cerceda, unha iniciativa da entidade Encrobas Viva. Ademais de para a andaina, houbo tempo para coñecer o estudo feito do trazado, para tirar de memoria anterior á mina ou para animar a emprender en torno a este Camiño, vía de desenvolvemento respectuoso. «Cen persoas interesadas na historia, no presente e no futuro da súa comunidade», apuntaron dende a organización, entendendo a convocatoria como éxito. 

Aluden a que o estudo feito sobre o Vello Camiño «non só rescata a memoria» desta ruta, senón que tamén se propón «como unha oportunidade real para xerar vida na parroquia». Houbo lembranza para as aldeas desaparecidas nos anos 70 e 80, un repaso histórico que reforzou o valor da «memoria colectiva», así como a «necesidade de protexer o territorio fronte a novas ameazas. A entidade ofreceuse como vertebradora de toda as iniciativas en torno ao Camiño que poidan ir xurdindo, e animaron a aproveitar as axudas dispoñibles a través do Instituto de Transición Xusta. Houbo un agradecemento final para todos os asistentes, así como para os socios, fundamentais para a recuperación dos carreiros polos que vai o trazado e para o financiamento desta iniciativa. Tamén houbo recoñecemento para Protección Civil, polo seu acompañamento para a total seguridade.