Pena de telexornal

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

CORCUBIÓN

23 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun estado democrático toda persoa acusada ten dereito á presunción de inocencia mentres non se demostre a súa culpabilidade, tal e como consagra a Declaración Universal de Dereitos Humanos. Convén lembralo sempre, pois así como cando debatemos de fútbol todos sabemos máis que o adestrador, cando ás portas dos xulgados asoman cargos políticos investigados por asuntos relacionados con presuntas actividades ilícitas, axiña aparecen os «xuíces supremos» para emitir sentenza sen antes reparar na conveniencia dun xuízo previo. É o que se coñece como pena de telexornal, unha inxusta peaxe que a algúns lles toca pagar, ben porque vai co cargo ou polos ecos de dúbida que adoita deixar tanto rebumbio mediático antes da resolución dos procesos xudiciais.

Acabamos de saber do auto de apertura de xuízo oral da Operación Orquesta no que figuran involucrados varios concellos da bisbarra. A Fiscalía sitúa no centro da diana os concellos de Cee e Corcubión con peticións elevadas para a maioría dos implicados, no entanto exonera de toda responsabilidade aos membros do anterior goberno de Fisterra, incluído o exalcalde, optando polo arquivo da causa.

Como se corrixe agora o dano cometido contra estas persoas? De que xeito se compensan seis longos anos coa espada de Damocles enriba dos ombreiros? Van presentar agora mocións de desagravio aqueles partidos políticos que antes rexistraron outras pedindo dimisións?

Sería bo dar resposta a estes interrogantes, máis que nada por xustiza.