Imparable decadencia en Corcubión

Antón Pombo

CORCUBIÓN

Antón Lestón

TRIBUNA ABERTA | ESCRIBE ANTÓN POMBO | Sobre a obra na estrada do cabo Cee. No seu día anunciada como o maior investimento en moito tempo no concello, e titulada como senda litoral, acabou sendo un despropósito

13 ene 2023 . Actualizado a las 17:51 h.

Alén das liortas partidistas, para un cidadán concienciado co respecto ó medio resulta imposible non se manifestar perante a calamitosa obra realizada na estrada do cabo Cee. No seu día anunciada como o maior investimento en moito tempo no concello, e titulada como senda litoral, acabou sendo un despropósito, obsoleta na súa forma e absolutamente insensible co medio no que se actúa.

Imos por partes. En primeiro lugar, a obra está concibida con presupostos máis propios de hai trinta ou corenta anos, e non conforme as tendencias actuais das, poñamos por caso, sendas azuis que comezan a articular o litoral galego, que dentro do itinerario europeo E-9 acabará sendo algo así como o Camiño de Santiago. Todo o protagonismo é aquí para o tráfico rodado, e non para os usos alternativos que deberían primar e estimularse (ciclovía, camiño peonil). Velaí a ampliación da calzada, arremedando un modelo de estrada provincial estándar, mesmo cos quitamedos metálicos de serie, que carece de sentido nunha vía sen apenas uso.

No tocante á suposta senda, non se pode cualificar como tal unha mera beiravía de firme asfáltico semellante ó resto da superficie de rodadura. Todos os que camiñamos sabemos que facelo sobre este material duro, máxime con altas temperaturas, non constitúe unha experiencia pracenteira nin recomendable para a saúde dos pés.

Antón Lestón

Ó anterior hai que engadir o máis grave, que é a total falla de sensibilidade pola integración da obra no medio, xa que estamos a falar dun sector sensible da costa de Galicia, un permanente miradoiro sobre a ría de Corcubión e, xa que logo, merecente dun tratamento respectuoso e sostible. A actuación debería ter respondido a criterios ecolóxicos, aplicando modernas técnicas de enxeñería da paisaxe que contemplen, por exemplo, a reposición do manto vexetal con especies arbóreas autóctonas ás beiras, as cales tamén proporcionarían sombra ós camiñantes e, por suposto, a formalización dunha verdadeira senda apartada da estrada cunha gabia ou, mellor aínda, cunha sebe, como por certo se ten feito noutros lugares de Galicia e, por suposto, da costa atlántica europea (viaxar para aprender debería ser un requisito obrigado para ser concelleiro ou alcalde). Aquí, o obrado está máis próximo a un atentado medioambiental, a unha imaxe da barbarie insensible ó quecemento global e ós novos tempos.

Por último, ó proporcionaren maior largura e mellor capa de rodadura á estrada, o que se está a promover é o uso con vehículos de motor, incluso agora tamén o tránsito de autobuses, e a circulación a maior velocidade (a seguridade era para eles). Isto, inevitablemente, redunda nun crecente perigo para os camiñantes ou ciclistas, que nun tramo ateigado de cambios de rasante e curvas carecen de protección máis aló da dobre liña pintada no chan. Conclusión: dende agora máis vale irmos pasear ata Brens que ó cabo Cee.

Tan mal feita naceu esta obra, mérito conxunto da Deputación provincial e máis dun concello que lle tivo que outorgar a licenza e agora quere mitigar as críticas xeneralizadas prometendo farolas e bancos (a urbanización dos ámbitos de relevancia natural e/ou paisaxística é algo que a Xunta non recomenda, léase o Plan de Ordenación do Litoral e maila Lei de Protección da Paisaxe de Galicia), que estamos persuadidos de que no futuro vai ter que ser repensada. E volver a gastar diñeiro dos nosos impostos para amañar unha desfeita suporá engrosar o xa elevado orzamento de 1 millón de euros de fondos europeos que se teñen dilapidado (á UE habería que enviar o resultado para que vexan como se tira o diñeiro por estes lares).

Antón Lestón

Por desgraza xa causa desazo todo o que vén acontecendo en Corcubión nos últimos tempos, un proceso que soamente podemos catalogar como de manifesta decadencia, unha caída sen freo que desacouga. O prometido Centro de Día que endexamais chegou a funcionar, o Museo Marítimo pechado sine die e co edificio arruinándose, o mercado municipal desaparecido, ese arboricidio consumado día a día coa grave perda patrimonial das nobres palmeiras que eran un símbolo da vila indiana (crónica dunha morte anunciada, tempo atrás, para a que non se quixo poñer remedio como se fixo en Noia, A Coruña, Tui ou Caldas de Reis), o Belén sen instalar, o porto mixto agardando o soño dos xustos, a praza de Castelao por sempre convertida nunha vulgar rotonda para que dean a volta os automóbiles, as instalacións culturais infrautilizadas,... Pobre Pepe Miñones, se levantará a cabeza e vira desbaratado o seu soño da Grande Neria! Para isto de nada serve ter un concello, máis vale facerse directamente o harakiri.

DNI. Nado no 1964, é doutor en Historia Contemporánea pola Universidade de Santiago (USC). Destacado investigador da peregrinación xacobea, xornalista e tamén escritor, ten no Camiño e no turismo moitos dos seus asuntos de reflexión, con máis de medio milleiro de artigos en publicacións diversas de ámbito moi variado. Asemade, é autor de varias guías, sobre os Camiños francés, Norte, Primitivo, Portugués e Inglés. Desta volta, visita estas páxinas como testemuña do voluntariado que trouxo tras de si a catástrofe ambiental do Prestige.