Manuel Insua, PSOE de Corcubión: «Os servizos públicos son prioritarios»
CORCUBIÓN
A carreira electoral | «Temos o compromiso da Deputación de que se humanizará e continuará a senda de Corcubión», di o candidato e actual alcalde
06 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Electricista de profesión, Manuel Insua Insua (1959) repetirá como candidato á alcaldía de Corcubión polo PSOE para tratar de conseguir o seu terceiro mandato, logo de dous períodos de goberno en minoría. Servizos públicos, casco histórico e inversións: as súas prioridades.
—Que balance fai deste mandato que está a piques de rematar?
—Aínda que a algúns dos outros candidatos de Corcubión lles pareza que poño a pandemia como escusa, as persoas que tivemos que gobernar nesa etapa sabemos as dificultades que pasamos. Foi un período de indecisións, imprecisións, incertidumes e mesmo medo. E as Administracións pequenas sufrímolo en maior medida. Aínda así, fomos capaces de sacar adiante case tódalas obras que tiñamos pendentes (máis dun millón e medio de euros de inversión) e os servizos sociais funcionaron á perfección.
—A nivel político, estes catro anos comezaron cun acordo, pero remataron co PSOE gobernando en solitario.
—Ao principio do mandato chegamos a un acordo con Ramón Rojo, de Pacor, para reforzar a investidura, pero aos poucos meses creo que lle faltou lealdade. Era unha presión constante, mesmo con ameazas de moción de censura, e un goberno non pode ter un socio que o ameaza tódolos días, así que decidimos apartalo e seguir en minoría. Estamos acostumados a gobernar así, con dificultades e tirando de moita man esquerda, aínda que hai que dicir que neste mandato sobre todo o BNG participou en decisións importantes. Aínda así, foi lamentable que o Bloque se opuxese á dedicación.
—Cales son as principais necesidades de Corcubión?
—Para nós, o prioritario son os servizos públicos. Somos o único concello da zona que ten o SAF público, completamente con persoal municipal, e sen lista de agarda. Tamén continuaremos coa liña de traballo do casco histórico e temos un proxecto moi interesante para a Praza de Castelao para o cal estamos solicitando fondos europeos. Será un proxecto humanizado, con moito espazo aberto e dende o cárcere vello.
—E tamén está aí o centro de día.
—Si. Nós temos claro que queremos que sexa público, pero para iso a Xunta ten que asumir as súas competencias. A conselleira nin nos recibe, e o consorcio o que nos di é que creemos Casas do Maior.
—Algunha outra proposta no programa electoral do PSOE?
—Moitas cousas, pero algunha das básicas é que estamos en negociacións coa Deputación para crear un espazo coworking no pobo, do que se poderían beneficiar pequenos autónomos, e tamén para humanizar, facer máis segura e continuar ata o río de Quenxe a senda de Corcubión. Tamén hai que continuar coa conservación do casco histórico, que é a nosa xoia da coroa.
A lista
1. Manuel Insua Insua
2. María Manuela Domínguez Louro
3. José Antonio Louro Pais
4. Jorge Domínguez Castro
5. Cristina Papín Marcote
6. María Delia Lado Redonda
7. Darío Redonda Blanco
8. Juan Carlos Cánovas Díaz
9. Lucía González García
Suplentes
1. María del Carmen Cernadas Lado
2. Juan Javier Insua Insua
3. María Concepción Papín Canosa
Preferencias
- A que hora se ergue? Ás 8.00
- Que almorza? Infusión cunha tostada e aceite
- Prato preferido Peixe, sempre
- Que non comería? Unha serpe
- Bebida preferida Cervexa
- Equipo de fútbol O Corcubión, evidentemente
- Que coche ten? Un Peugeot 307
- Unha afección Cociñar
- Un lugar Corcubión
- Unha rede social? Úsoas pouco, cada vez menos
Artes e letras
- Escritor/a favorito/a Juanjo Millás
- Último libro que leu Lo contarán las olas
- Última película que viu As bestas
- Un/a artista Toulouse-Lautrec
- Un actor Woody Allen
- Unha actriz María Castro
- Un/a cantante ou grupo Luz Casal, Miguel Ríos, Dire Straits...
- Tipo de música Rock
- Deporte que practica Correr
- Unha viaxe pendente Sur de Francia