«Reflexión» e «pinchos entroidais» para abrir boca en Corcubión

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CORCUBIÓN

Desfile de comparsas por Corcubión, hai xa ben anos
Desfile de comparsas por Corcubión, hai xa ben anos XESUS BUA

O Concello dará por iniciadas as actividades de entroido o vindeiro xoves 27 de febreiro 

21 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha «reflexión de entroido» abrirá xa o vindeiro xoves 27 de febreiro o programa de actividades deseñado para este tempo polo Concello de Corcubión. Será ás sete da tarde, na biblioteca, en torno á presentación de Kéltiga e a xeito de introdución á antropoloxía cultural de Galicia con Carmen Tomé. Quedarán para o venres 28, por outra banda, os Pinchos Entroidais, en horario de 10.30 a 15.00 e de 20.30 a 23.30. Acompañará o roteiro da tarde a charanga A Tripulasión, pasando polos locais Mar Viva II, Sirena, Ribeiro, Suíza, Alborada, San Martín e Carrumeiro, onde estaría previsto rematar ás 23.30.

A suba do meco, o desfile de veciños e veciñas, así como a animación con Trashumancia Sonora son as propostas para o sábado 1 de marzo, erixíndose nunha festa popular prevista na Praza do Concello ás 18.00, mais con emprazamento alternativo no polideportivo, en caso de choiva. Rematarán en Corcubión co enterro da sardiña, neste caso o mércores 5, coas gaiteiras da Universidade Popular, coplas e lume final na praza Castelao.