Marina Gómez: «Este ano daremos continuidade ao desembarco durante os días de mercado»
CORCUBIÓN

O calendario de mareas posibilitará facer a recreación teatral no areal do recheo de Corcubión. Así o explicou Marina Gómez, dende a organización, en Radio Voz Bergantiños
23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O 25, 26 e 27 de xullo, ou sexa, esta próxima fin de semana, terá lugar unha nova edición do Mercado Medieval de Corcubión, unha cita que alcanza a súa vixésimo terceira edición e que encherá a vila de ambiente medieval e dun senfin de actividades. Unha delas será a clásica recreación teatral do desembarco das tropas do arcebispo Rodrigo de Luna, que este ano, polo calendario de mareas, poderá por fin levarse a cabo na praia do recheo, en pleno paseo marítimo. Á fronte do apartado teatral está Marina Gómez, que mentres coordina os derradeiros ensaios antes da función —que se levará a cabo o venres— sacou un oco para falar da materia en Radio Voz Bergantiños.
—Desta banda, non haberá que ir para Quenxe polas mareas.
—As mareas, efectivamente, sempre nos condicionan a decisión da localización do desembarco.
—Poder facer a recreación no recheo é unha vantaxe, non?
—Ademais de ser un anfiteatro natural fermosísimo, evitamos andar desprazándonos e ter que mover á xente ata Quenxe. Sempre que a marea o permite, nós preferimos facelo no recheo.
—Hoxe teredes o primeiro ensaio xeral, non si?
—Así é, están citados tódolos participantes e o xoves teremos outro.
—Cantas persoas estarán participando na presentación?
—Pois bastante xente: a verdade é que cada ano son máis os voluntarios que temos para figuración. E como curiosidade, este ano temos tamén bastantes turistas que contactaron con nós para ver se era posible formar parte tamén deste evento. O máis salientable, o caso de dous nenos con pai alemán e nai galega. En total, seremos máis de cen persoas.
—Cal é o feito histórico que se representa cada ano?
—É o desembarco das tropas de Rodrigo de Luna en Corcubión. El foi un arcebispo de Santiago que chegou no 1457 á localidade, acompañado do seu séquito, coa idea de reforzar a autoridade eclesiástica na comarca. Ao chegar, topouse coa resistencia do pobo e iso é un pouquiño o que vamos revivir o venres.
—Incorporarán algunha novidade ao guión nesta edición?
—A idea é ir metendo cousiñas novas, si. No propio desembarco, este ano teremos máis grupos e tamén algunha escena nova, pero a principal novidade deste ano é que lle daremos continuidade á recreación durante o propio mercado con escenas feitas pola nosa xente. Faremos o enterro de Riobó, retomaremos a procesión dos fachos, faremos un aquelarre... A ver que tal sae.
—Canto temo leva vostede vinculada a esta celebración?
—Por unhas cousas ou por outras, case dende o inicio, pero Farándula Velutina, o grupo do que formo parte, levamos varios anos cos nosos actores interpretando algúns dos papeis principais.
—É coruñesa de nacemento, pero corcubionesa de adopción: como viviu ese momento no que o mercado estivo a piques de non levarse a cabo?
—Pois foi un susto, creo que para todo o pobo. E canto se pediu axuda, outro susto [ri], porque non tiñamos nin o coñecemento nin as ferramentas para argallar o mercado en apenas unha semana. En verdade, tería sido unha mágoa que desaparecese, foi é das celebracións máis interesantes que temos aquí en Corcubión, entón aí nos embarcamos.
—O pobo respondeu como o fixo hai máis de cincocentos anos ante Rodrigo de Luna.
—Si [ri], quedamos abraiados. Implicáronse dende o primeiro momento, dende aquela famosa reunión na capela do Pilar na que non cabía a xente. O pobo fai ao pobo. Non podemos máis que estar agradecidos.
—Ademais de docente e estar implicada en proxectos teatrais, é vostede tamén escritora. Hai algo aí no horizonte para saír?
—Algunha cousiña hai. Dentro de pouco sairá un libro de varios autores relacionado co 50 aniversario do instituto Agra de Raíces e aí estarei colaborando.