Circulación viaria en Corcubión: prerrogativas administrativas ou prevaricación?

Chisco Lema EXALCALDE DE CORCUBIÓN

CORCUBIÓN

08 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Dado que se iniciou o mes de setembro e o Concello de Corcubión aínda non puido ou non quixo contestarme o escrito que rexistrei con data 07-08-2025 (o alcalde ten dedicación exclusiva e cobra un salario íntegro das arcas municipais), gustaríame facer unha reflexión, aínda podéndome equivocar, ao non poder ver os documentos solicitados nin ter contestación do escrito. O asunto é o da colocación dos sinais de prohibido o paso da rúa e travesía de Carreira Frábregas (cruzamento da farmacia).

Durante este verán, en Corcubión, non houbo outro tema de conversa que non fose a nova sinalización da circulación viaria de determinadas zonas do casco histórico. Non só por sorprendente e improvisada, senón por suscitar certa reticencia a se era legal ou non a dita colocación. Voume centrar exclusivamente nos sinais referidos.

A Ordenanza sobre tráfico, circulación de vehículos de motor, seguridade viaria e utilización das vías públicas do Concello, aprobada polo pleno e publicada no Boletín Oficial da Provincia, recolle na súa disposición adicional segunda-cualificación das rúas as de dirección única, non estando entre elas as referidas. A miña reflexión en alto é: supón isto unha prerrogativa da administración local ou un delito de prevaricación? Xa nun pleno ordinario a oposición preguntou por este tema e solicitou que a secretaría-intervención emitise un informe ao respecto. O actual goberno municipal deu a calada por resposta. Eu loxicamente non me vou pronunciar, pero deixo aquí as seguintes anotacións que calquera cidadán pode facerse.

Consultado o feito, vexamos o que atopamos ao respecto con este mesmo caso. Un Concello coloca novas sinais de tráfico sen modificala ordenanza de circulación. O correcto (prerrogativa lexítima) é que o Concello, no uso da súa potestade regulamentaria e executiva, pode colocar sinais de tráfico para ordenar a circulación e garantir a seguridade viaria. Se o fai con base na ordenanza municipal vixente ou en normas de rango superior (Lei de tráfico, regulamento xeral de circulación), actúa dentro das súas prerrogativas. Exemplo: poñer un stop nunha rúa perigosa para evitar accidentes.

O incorrecto (posible prevaricación) é se o Concello cambia de facto as regras de circulación mediante sinais que contradín a ordenanza municipal sen tela modificado legalmente. Estaría actuando de maneira arbitraria. Exemplo: sinalizar unha rúa sen seguir o procedemento legal de modificación da ordenanza. Neste caso, poderíase considerar un acto administrativo nulo e, se ademais se proba que se fai a sabendas da súa inxustiza, podería constituír prevaricación administrativa (artigo 404 do Código Penal).

Como conclusión engado o seguinte. Como sinala a doutrina xurisprudencial (sentenzas 674/1998 e 1015/2002, do 9 de xuño e 31 de maio de 2002, entre outras), «o delito de prevaricación non trata de substituír a Xurisdición Contencioso-Administrativa no seu labor xenérico de control do sometemento da actuación administrativa á lei e ao dereito, senón de sancionar supostos-límite nos que a posición de superioridade que proporciona o exercicio da función pública utilízase para impor arbitrariamente o mero capricho da autoridade ou funcionario, prexudicando ao cidadán afectado (ou aos intereses xerais da Administración pública) nun inxustificado exercicio de abuso de poder. Non é a mera ilegalidade senón a arbitrariedade o que se sanciona...».

*Chisco Lema é exalcalde de Corcubión.