Emprender ao final do Camiño

maría jesús lorenzana somoza

CORISTANCO

David Cabeza

Plumas con mando, escribe a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade | No Concello de Coristanco acaba de estrearse o primeiro Polo da provincia da Coruña destinado a impulsar proxectos e emprego

16 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Galicia hai que amala, pero tamén entendela e atendela. A pertenza a un territorio que en toda a súa extensión é óptimo para o desenvolvemento da vida é un privilexio que tamén obriga a estender o benestar a cada recuncho. As infraestruturas e os servizos públicos son determinantes para acadar ese obxectivo, pero o traballo, e sobre todo a ausencia del, ten sido e é fundamental por si mesmo. Xa condicionou a vida de xeracións de galegos que no pasado marcharon na procura de prosperidade, deixando en todo o mundo unha pegada cun fío común: a nosa capacidade para emprender incluso nas circunstancias máis adversas.

As veciñas e veciños de Bergantiños, Xallas, Barcala, Fisterra, Muros, Noia e Terra de Soneira son coñecedores desta realidade. Por máis que teñamos un sentir común, ben sabemos que as circunstancias, coma o tempo, van mudando ao longo da nosa xeografía. De aí o empeño da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade por levar as políticas públicas dos despachos ao terreo, da man dos que mellor coñecen as particularidades locais e teñen identificadas as fortalezas e as oportunidades.

A proximidade é a esencia do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego Costa da Morte, que inauguramos hai uns días no Centro de Promoción Rural EFA Fonteboa, en Coristanco. É o terceiro de Galicia, prestará servizo a 29 concellos e é o primeiro activo na provincia coruñesa, unha decisión que non foi casual. Temos moi presente a necesidade de priorizar a xeración do emprego de calidade e afrontar o reto demográfico que supón o envellecemento e o despoboamento en Galicia nos municipios máis conectados co rural e que historicamente tiveron máis atrancos para sumarse ao progreso económico.

Este polo é xa un dos doce que, coordinados pola Fundación Juana de Vega, van prestar atención en toda Galicia aos proxectos innovadores que fomenten a inserción laboral e o emprego de calidade, despois dun investimento que este ano ascende a 12 millóns de euros e que continuará ata o remate da lexislatura no 2024 coa apertura de novos espazos e un centro de coordinación e orientación. Nos tres que xa están activos xa maduran a diferentes niveis máis de medio cento de iniciativas que van desde o turismo ao ocio, pasando pola alimentación, os servizos profesionais, o agro ou a fabricación de bens de consumo.

Aqueles que contacten por primeira vez con este servizo autonómico atoparán técnicos especializados preparados para compartir información personalizada sobre oportunidades de negocio, con asesoramento directo e en liña; terán a disposición espazos para traballo temporal e en rede; ou servizos para identificar recursos físicos, como poden ser locais comerciais, bancos de terra e naves industriais; e ata canles para a captación de investimento e financiamento. O obxectivo non é pequeno: poñer todos os medios para xerar arraigo e riqueza coa intelixencia territorial que ben merece este arco atlántico ao final do Camiño, un bo lugar para impulsar novas andainas.