Juan Carlos García: «Non vou cambiar por dobrar os resultados, seguirei sendo o mesmo»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

Ana García

Eleccións 28M | «As sensacións eran boas, pero acadar dez concelleiros... Foi un gran resultado», di o alcalde de Coristanco e líder do PP, logo de obter unha ampla maioría absoluta

30 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Levaba uns días complicados por culpa dun virus, pero de maneira milagrosa parece que desapareceu este domingo: «Durmín moi ben esta noite, do tirón». O alcalde de CoristancoJuan García Pose foi, sen dúbida, un dos grandes triunfadores dos comicios, ao duplicar o número de actas, 10 en total, con respecto ao 2019. O seu teléfono bota fume nas últimas horas: «Recibín máis de douscentos wasaps e teño moitos aínda sen contestar porque non tiven tempo».

—Quen foi a primeira persoa en felicitalo?

—A miña irmá Clara, que se atopa e viaxe en Portugal. Díxome: «Son a primeira persoa que che felicita dende o estranxeiro».

—No PP estarán encantados.

—Felicitoume Diego Calvo [presidente provincial], Evaristo Ben, varios conselleiros e conselleiras... Estamos moi satisfeitos do acadado onte [por el domingo].

—Esperaba pasar de cinco a dez representantes?

—As sensacións eran boas, ou iso era o que me trasladaban os veciños, pero a verdade é que foi un gran resultado.

—A que o achaca?

—Sempre evitamos a confrontación, buscamos o respecto institucional, o respecto co resto de compañeiros de corporación, cos traballadores municipais e funcionarios, e a nivel de organizativo, sempre o tivemos claro dende o primeiro momento e o resumo en dúas palabras: traballo e humildade.

—Pero habería algo máis cando se duplica o número de actas.

—Fixemos un gran labor. A nivel de urbanismo, formativo, de obras... Iniciamos un plan de mellora do saneamento, do servizo da traída municipal, puxemos en marcha un plan de arranxo e de dotación de novas depuradoras.

—Cales son as liñas mestras para estes vindeiros catro anos?

—Máis da metade do mandato está definido e trazado.

—E as prioridades?

—Continuaremos co plan de sendas, como en Oca ou A Rabadeira, poñeremos en marcha cinco novas estacións depuradoras, ampliaremos e melloraremos o servizo da traída municipal... En definitiva, continuaremos co plan de traballo iniciado no 2019. No anterior mandato, con todo o que houbo en canto a crise sanitaria e económica, fíxose un gran investimento en obras.

—Cunha maioría absoluta córrese o risco de actuar co rolete.

—Non será o meu caso, asegúrollo. Non vou cambiar por dobrar estes resultados electorais, seguirei sendo o mesmo. Non entendo a vida doutra forma que non sexa dende o respecto, o traballo e a humildade.

—Haberá cambios no seu novo goberno?

—Non, manteremos o equipo que tiñamos no anterior mandato. As áreas de traballo continuarán igual. Clarisa [Couto] seguirá en Servizos Sociais, Cultura e Deportes, e Enrique [Tasende] con Obras e Servizos.

—E as dedicacións?

—Entendo que se unha persoa dedica ao Concello o 100 por cento do horario de traballo ten que percibir un soldo. Neste caso Enrique e Clarisa manterán as dúas dedicacións exclusivas. Serán as mesmas que no 2019.

—E vostede?

—Digo o mesmo. Cando un dedica ao Concello todo o seu tempo ten que cobrar por ilo. Esa xuntanza está pendente de celebrar, pero se un fai un traballo ten que cobrar por el.

—Durante a campaña, a oposición criticou que se estaba a vender fume co futuro polígono da Miñata. Será unha realidade antes de 2027?

—A realidade é a que din os técnicos do Instituto Galego de Vivenda e Solo. A urbanización do polígono estará lista no 2024 ou, como moi tarde, o 2025.