
Non hai moito tempo que, na visera dun camión, vin a frase Dios diante. Aínda resisten os condutores que as empregan para poñer os nomes dos fillos, da sociedade coa muller, ou de algún alcume, igual ca nos tempos que nos na cabina tiñan cintas de Las Grecas ou de Julio Iglesias.
A moitos esa expresión non lles dirá nada, pero é das que serven para desenterrar lembranzas que, durante moito tempo, formaban parte do día a día. Sempre que se sacaban da casa a vacas co carro ou co que fose, meu avó o primeiro que dicía era iso: Dios diante. Cos anos tamén o foi extrapolando ás viaxes en bus e en coche, pero o gando nunca se librou dese ánimo ancestral de sinalar a posición de cada quen, mortal e inmortal. E sempre Dios, que no meu caso a primeira vez que escoitei o Deus regulamentario foi nos apelidos de xente de Coristanco e de Carballo.
O caso é que esa expresión, e tantas más, forman parte dun pasado que se vai, pero que ás veces hai xente nova que traballa ben para recuperalo e mantelo. Recomendo o disco Quitar o aire, de Caamaño & Ameixeiras, para aproximarse á antropoloxía e á nosa historia dunha maneira harmónica e melódica, aínda que tamén valen os libros de Marcial Gondar, Mariño Ferro ou O danés curioso de Gustav Henningsen, que estivo por Ordes e Cerceda. Pero mellor cantando, como fixeron o outro día nun excelente concerto en Carballo, virando as tellas ou movendo as mortallas. E explicaron que, naturalmente, o aire só o pode coller o que sabe o que é iso, é algo cultural. Tiveron o detalle de explicalo, e claro...