Hugo Barca, do CPI Alcalde Xosé Pichel, gaña o certame Contos de Primavera

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CORISTANCO

BASILIO BELLO

A Voz das Letras | Alumnas do CPI O Cruce e o IES Terra de Soneira mereceron segundo e terceiro posto

04 may 2025 . Actualizado a las 10:07 h.

Pode estar tranquila a Costa da Morte. Non falta quen lle escriba. Os textos remitidos á oitava edición do concurso Contos de Primavera, promovido por La Voz de Galicia e Radio Voz, co apoio do Grupo Calvo-Nauterra, acreditan unha altísima calidade, dende Cerceda ata Fisterra. Non o tivo nada doado o xurado, mais xa hai veredicto, e o primeiro premio deste ano queda na comarca de Bergantiños: máis concretamente, no concello de Coristanco, que é onde se atopa o CPI Alcalde Xosé Pichel, centro no que estuda Hugo Barca Fernández.

O seu relato A lenda da moura mereceu a maior puntuación por parte do equipo encargado das valoracións, e non é para menos a xulgar xa só polo inicio: No corazón dos montes de Coristanco, onde a néboa baixa entre os piñeiros como un segredo antigo, atópase un lugar esquecido polo tempo, O Regufallo. É unha lagoa escura, envolta por xuncos e silvas, onde o silencio pesa máis que o aire...

Hugo é estudante de terceiro da ESO, en tanto que secundaria era a etapa escolar á que se dirixía este concurso. Pisan forte as novas xeracións e pisan forte tamén centros que se estreaban este ano na convocatoria, caso do CPI O Cruce de Cerceda. Unha das súas alumnas de primeiro da ESO, Daniela López Piñeiro, resultou merecedora do segundo premio logo das valoracións do xurado, un posto que acadou cun desacougante texto ambientado no Aquapark, As augas de Cerceda. Teña por seguro que nunca vai mirar igual este parque.

E das comarcas de Bergantiños e Ordes, a outra distinta para o terceiro premio: Terra de Soneira. Do instituto vimiancés precisamente así chamado chegou o relato que acadou o terceiro premio este ano, firmado por Mencía de Vicente Martínez. O pozo das mulleres de branco é un acto literario de xustiza a cabalo entre o presente e o pasado, unha reparación da verdadeira historia e dignificación de mulleres cuxos nomes foran borrados dela.

Tan difícil foi a selección por parte do xurado que, dos 57 contos presentados, entre trinta deles estivo a decisión final. O podio queda ben repartido este ano, pois entre a selección dos seis relatos restantes tamén hai alumnado que estuda na comarca de Fisterra.

Coristanco, á cabeza

Bergantiños, e dentro desta bisbarra Coristanco, leva nesta edición o maior peso no podio, xa que ao primeiro premio hai que engadirlle un cuarto (Hugo Aldao, da EFA Fonteboa, por Pepe e a caixa da avoa), un oitavo (Sabela Villar Castro, do Alcalde Xosé Pichel, por O segredo da praia dos Cristais), un noveno (Martina Lorenzo Varela, Alcalde Xosé Pichel, por O carballo das almas) e un décimo (Amanda Huiban Monteagudo, Alcalde Xosé Pichel, O segredo do bosque). Noa Trasmonte Quintela e Mario Álvarez Edreira, do CPR Manuela Rial Mouzo de Cee, mereceron quinto e sexto posto, respectivamente, con O segredo do faro de Fisterra e O muño da Senra, e Grecia Helena Neira Varela, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, o sétimo, con Amigo demo.

A entrega de premios será o vindeiro sábado 10 de maio, en Conservas Calvo

Que anda a pasar no CPI Alcalde Xosé Pichel para ter semellante boa dose de talento escritor? Seguramente se poderá saber este vindeiro sábado 10 de maio, data na que se entregarán os premios do certame Contos de Primavera. Será ás 12.00 horas, nas instalacións da conserveira Calvo, na Revolta, en Carballo, como xa se vén facendo tamén nestes últimos anos. Alí, rapaces, familiares e comunidades educativas dos centros con alumnado premiado compartirán unha velada aberta ao público que queira achegarse e na que, como xa é tradicional, tampouco faltará o talento musical. A entrega de galardóns faise sempre no sábado anterior ás Letras Galegas, e as deste ano non só tocan de cheo á Costa da Morte, senón que veñen con ritmo incorporado, o das ferreñas e a voz de cantareiras, personificadas nos nomes de Eva Castiñeira (Muxía), Rosa e Adolfina Casás Rama (Cerceda), Prudencia e Asunción Garrido, Manuela Lema e Teresa García Prieto, as catro últimas parte das Pandeireteiras de Mens (Malpica).

Os autores dos dez textos que acadaron maior puntuación por parte do xurado recibirán cadanseu diploma, e aqueles que rubrican os tres primeiros levarán tamén para a casa un agasallo. O propio sábado, nestas mesmas páxinas de La Voz de Carballo, redacción dende a que se promove o concurso, publicaranse integramente os dez relatos. Un exemplar, pois, para conservar.

O docente José Antonio Viña Patiño, o escritor e experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles, o sociólogo Santiago Pazos, o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco integraron o equipo encargado das valoracións.

OS PREMIOS, AO DETALLE

  • Primeiro premio: Hugo Barca Fernández (CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco): «A lenda da moura»
  • Segundo premio: Daniela López Piñeiro (CPI O Cruce de Cerceda): «As augas de Cerceda»
  • Terceiro premio: Mencía de Vicente Martínez (instituto Terra de Soneira, Vimianzo): «O pozo das mulleres de branco»
  • Cuarto premio: Hugo Aldao (EFA Fonteboa de Coristanco): «Pepe e a caixa da avoa»
  • Quinto premio: Noa Trasmonte Quintela (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee): «O segredo do faro de Fisterra»
  • Sexto premio: Mario Álvarez Edreira (CPR Manuela Rial Mouzo de Cee): «O muño da Senra»
  • Sétimo premio: Grecia Helena Neira Varela (IES Eduardo Pondal, de Ponteceso): «Amigo demo»
  • Oitavo premio: Sabela Villar Castro (CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco): «O segredo da praia dos Cristais»
  • Noveno premio: Martina Lorenzo Varela (CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco): «O carballo das almas»
  • Décimo premio: Amanda Huiban Monteagudo (CPI Alcalde Xosé Pichel, Coristanco): «O segredo do bosque»