
O deportista cre que este tipo de iniciativas impulsan o «turismo deportivo, tan en auxe na actualidade»
18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Ezequiel MOsquera Míguez exciclista profesional e valedor do Gran Fondo Ézaro
É natural de Teo, pero sinte verdadeira predilección pola Costa da Morte. Ciclista profesional durante doce tempadas, Ezequiel Mosquera Míguez é, aos seus 40 anos (naceu en novembro de 1975), o gran deseñador do Gran Fondo Ézaro. O deportista analizou en Radio Voz Bergantiños os pormenores da nova edición, que se celebrará dentro de tres meses.
-¿Pódese dicir que é unha proba consolidada?
-O pasado ano traballamos para que fose un referente e, de feito, creo que o conseguimos. Agora queda manter e subir esa expectación xerada, mantendo e mellorando o trazado.
-Será complicado referendar o éxito acadado na edición do pasado ano.
-Ten un teito que o marca o propio lugar onde se celebra o evento. Trátase dun marco incomparable. É moi fermoso, pero ten as súas limitacións. O pasado ano houbo algo de medo pola gran cantidade de participantes e afeccionados presentes, pero quedou arranxado grazas á colaboración dos voluntarios de Protección Civil e persoal do Concello de Dumbría. Este ano aínda non se abriu o prazo de inscricións, pero habilitaremos 500 prazas novas. Pero esta proba ten que ter un tope, non pode haber 7.000 ciclistas como na Quebrantahuesos [en alusión á Marcha Cicloturista Internacional Quebrantahuesos Sabiñánigo (Huesca)] porque sería un caos a nivel de organización. O Gran Fondo Ézaro será unha marcha moi selectiva, cun límite de participantes. O que non se inscriba a tempo, quedará fóra.
-¿Cal é a cifra máxima prevista pola organización?
-Abrimos a proba a 500 persoas máis ás mil xa previstas. Haberá un prazo de inscrición previo para os ciclistas que participaron o pasado ano, antes de abrir as anotacións ao resto de público xeral, que comezarán o vindeiro día 20.
-¿Cantos anotados hai xa?
-Cremos que cubrimos as 500 prazas.
-¿Cales son as características do trazado?
-Queremos sempre introducir algunha variación. A máis importante será que a subida por As Paxareiras (Muros), que é o prato forte, farase por Abelleira, que é a máis difícil. O Ézaro en si en un ascenso con moita pendente, pero moi curta. As Paxareiras ten que servir para facer unha selección para cando chegue a xente ao baixo do Ézaro se lle faga máis complicada. En todo caso hai 50 quilómetros que coinciden coa etapa da Volta Ciclista a España.
-¿Cal é o éxito desta cita?
-O gran éxito radica na súa dificultade. A xente vén ao Ézaro pola espectacularidade da paisaxe e do entorno, pero tamén porque é un trazado duro, aínda que tamén haberá un percorrido algo máis sinxelo de cen quilómetros.
-¿É O Gran Fondo Ézaro un referente para os concellos limítrofes?
-Creo que si. O outro día, un hostaleiro comentaba que estaba desbordado polas peticións de aloxamento recibidas. Esta ruta ten un gran tirón para o turismo. De feito, aínda quedan tres meses para a proba e hai aloxamentos que non teñen prazas para eses días. Chaman, e non hai onde coller. O Gran Fondo Ézaro é algo que beneficia a toda a Costa da Morte. Dispútase por Dumbría, si, pero é algo que repercutirá de forma positiva en toda a bisbarra. De feito, temos permiso para que, en breve, poidamos cambiar o nome co obxectivo de deslocalizala e facela máis comarcal.
-¿Cre que está en auxe o turismo deportivo?
-Lembro cando era ciclista profesional. Mentres eu me sacrificaba polo ciclismo, os meus amigos saían. Logo casaron e tiveron fillos, e agora, con 40 anos, empezan a facer deporte: ciclismo, running. Son case máis deportistas ca min [sorrí]. O deporte ten tirón turístico. Hai xente que vén ao Gran Fondo Ézaro e planifica as súas vacacións para participar noutras probas. O pasado ano tivemos un irlandés que veu a Dumbría e logo marchou a Valencia e Berlín. Hai axencias de viaxes especializadas na xestión e contratación de probas deportivas, con hoteis e inscricións e viaxes incluídos.