Doro: «Juanito é unha boa referencia»

Ignacio Javier Calvo Ríos
naso calvo SANTIAGO / LA VOZ

DUMBRÍA

BASILIO BELLO

O capitán do Xallas e sete veces campión da Copa da Costa aínda non pensa na retirada, tampouco descarta gañar a oitava, pero non sabe se seguirá no mesmo equipo

20 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sergio Prego Cancela, Doro, (Santa Comba, 1977) leva sete de sete. Xogou sete finais da Copa da Costa e levantou sete veces o trofeo. Xa se parece ó Real Madrid, que gaña cada final que xoga. O capitán do Xallas rise con iso: «Xa os compañeiros me din que sempre gañan os mesmos, igual que o Madrid coas Champions». Co Xallas leva catro. A primeira gañouna co Atlético Mineiro, no 2004. Co Santa Comba e co Dumbría, acadou as outras dúas.

-O 3 de novembro cumpre 41 anos e Juanito, que acaba de levantar a Copa do Sar co Sigüeiro, chegará ós 49 en decembro.

-Enfronteime a Juanito en Terceira co Xallas cando el estaba no Narón. Xa nos riamos daquela cos anos que iamos cumprindo. Oxalá eu chegara ós 49 en activo, pero non será doado. Mirando os clubs dos arredores e falando de xogadores coñecidos, Juanito é unha grande referencia. É unha persoa moi humilde, que estivo en Primeira División. Sen dúbida, un dos referentes nos que hai que fixarse.

-¿Para cando a súa retirada?

-Non chegarei ós anos de Juanito. Véxoo un pouco difícil. O físico non é o mesmo, aínda que me coido bastante. En Preferente, hai que adestrar tres ou catro días á semana e temos viaxes moi longos, case máis que na Terceira División. E a familia reclama máis tempo. Nesta categoría o fútbol quítache moito tempo, pois traballas polo día e chegas ás once da noite a casa logo dos adestramentos. O nenos precisan pasar máis tempo con seu pai.

-¿Que lle din os seus fillos Álex, de sete anos, e Lucas, de catro, cando chega a casa?

-A eles encántalles vir mirar os partidos. Sempre preguntan cantos goles marquei.

-Pero vostede non é moi goleador, ¿non?

-Intento sempre estar entre os máximos goleadores do equipo. Ando por dez ou quince cada tempada, agás esta última, pois estiven moito tempo mancado. Tiven tres ou catro roturas de fibras e comecei mal o ano ao romper un cóbado. Case que perdín media tempada, pero cheguei a tempo para as últimas xornadas e para a final da Copa da Costa, un trofeo moi importante para nós e ao que en Santa Comba lle damos moito valor. É moito prestixio para o club.

-O Xallas partía como favorito na final, pero gañar foi máis complicado do que se agardaba.

-Nunha final sempre custa gañar. A xente chega moi cansa a estas alturas do ano. Hai unha semana, xogamos cinco partidos en nove días ao coincidir a Liga coa Copa e a plantilla non é longa. E iso que este ano tivemos un final de Liga bastante tranquilo, pois noutros chegamos pelexando pola permanencia. Cos arrastres que hai cada ano case que tes que quedar na metade da táboa para salvarte.

-¿Como foi a Liga?

-Comezamos moi mal. Iamos de penúltimos cando mudou o adestrador. Logo remontamos e acabamos moi ben.

-¿Vese vostede no banco do Xallas?

-Iso queda un pouco lonxe. Oxalá algún día poida ser o adestrador do Xallas, pero mentres o corpo aguante vou alargar o máximo posible a miña carreira como futbolista.

-¿Xa ten vostede data de caducidade?

-De momento non, pero non sei se seguirei en Preferente. Esta categoría quítache moito tempo. Agora fanme falla unhas vacacións e tomar un pouco de tempo para pensar. Aínda que logo chega o día de renovar e a directiva vai intentar convencerme. Síntome querido, estou na casa, respéctanme os xogadores e a directiva... Non hai porque cambiar, pero teño que pensalo. Non descarto baixar algunha categoría para seguir xogando e para ter máis tempo coa familia e unha menor esixencia.