Arte para o Camiño en Dumbría e Fisterra: «Camiñantes e peregrinos están de noraboa»
DUMBRÍA
Quedaron inaugurados os murais dos dous epicentros que a iniciativa da Deputación «Arte no Camiño» ten na Costa da Morte
15 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.En Fisterra e en Dumbría quedaron inaugurados onte os murais dos dous epicentros que a iniciativa da Deputación Arte no Camiño ten na Costa da Morte. A comitiva participante na posta de longo peregrinou dun punto a outro con mensaxes pronunciadas, por exemplo, polo deputado provincial Antonio Leira: «Comezamos esta actividade con moita ilusión e certa incerteza, pero superamos as expectativas», pronunciou diante do mural que lle concede unha nova dimensión ao monstro Vákner, en territorio dumbriés. Un camiñante, un animal, un mundo interno que levamos dentro, aínda que o que interesa é a interpretación que cada un poida facer, o diálogo co espectador. Falou Leira de continuidade do proxecto («esta non é unha aposta efémera»), de persoas, de espazos e de recuperación destes: «Camiñantes e peregrinos están de noraboa». Non só poderán coñecer igrexas, territorios, senón as súas «historias», serán altofalantes.
Trouxo o deputado agradecemento para Raúl González e Áurea Domínguez, alcaldes de Dumbría e Fisterra, respectivamente. Se Nove Noel interveu na fin do mundo, en Olveiroa (Dumbría) fíxoo Mou. O cambio ao emprazamento actual foi un acerto, apreciou o artista, agradecido coa Deputación polo apoio a esta e outras iniciativas e co Concello, polo alento todos estes días: «Hai un colectivo de muralistas en Galicia potente, levamos anos traballando, e agora estamos conseguindo chegar ao público».