Dumbría conmemora os cen anos do paso de Ruth Matilda Anderson

Marta López CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

ESPECIAL | O Concello promove para o vindeiro sábado unha xornada divulgativa na que tamén participarán maiores de Dumbría para lembrar como era a vida no primeiro terzo do século XX

22 nov 2024 . Actualizado a las 18:49 h.

O edificio Bitácora do Ézaro acollerá o vindeiro sábado unha xornada divulgativa en torno ao centenario da primeira visita que a fotógrafa e etnógrafa americana Ruth Matilda Anderson fixo á Costa da Morte, deixando instantáneas sobre a vida cotiá, os oficios e as costumes que xa forman parte da historia da bisbarra. O acto, promovido polo Concello de Dumbría co obxectivo de «poñer en valor o importantísimo e minucioso labor realizado por Anderson», servirá tamén para botar unha ollada á historia deste concello costeiro e para reivindicar o papel da muller na construción da sociedade «que hoxe coñecemos», apuntan dende o consistorio.

Na xornada, que será de acceso libre e gratuíto para toda a veciñanza, participarán varios expertos, como Alba Rodríguez Saavedra, tradutora e editora técnica de Afundación e investigadora da Universidade de Vigo, que falará da figura de Ruth Matilda. Ou tamén Ana Cabana Iglesia, profesora da USC e investigadora do Cispac, que ofrecerá unha radiografía da Galicia do primeiro terzo do século XX e do papel da muller. Así mesmo, intervirá dende Estados Unidos, por videoconferencia, Patrick Lenaghan, curador de gravados e imaxes na Hispanic Society of America, para a que a a fotógrafa traballou no seu día e á que fixo entrega do material recompilado durante as súas viaxes.

Ruth Matilda Arderson

Logo das intervencións e dunha mesa redonda na que participarán as dúas investigadoras e o xornalista de La Voz Santiago Garrido, haberá un faladoiro con maiores do pobo para lembrar á Dumbría de principios do século pasado. «Eles serán os grandes protagonistas pola tarde, rememorando como era a vida cando eran novos ou o que lle contaban os seus pais e avós», explica a técnica de Cultura, Ana Casais. «Levamos uns meses traballando nesta idea de lembrar a Ruth Matilda, pero tamén queriamos, a través dela, recuperar a memoria e ese gran patrimonio inmaterial que gardan os nosos maiores», engade Ana, quen tamén agradece a implicación dos expertos que compartirán os seus coñecementos na xornada.

O programa

10.30 Apertura da xornada, no edificio Bitácora do Ézaro.

11.00 «O país das mulleres de Ruth Matilda Anderson. Unha ollada en clave de xénero cara a Galicia do primeiro terzo do século XX», por Ana Cabana Iglesia.

11.30 «Ruth Matilda Anderson, tradutora e reivindicadora das mulleres galegas e da Galicia longamente ocultada», por Alba Rodríguez Saavedra.

12.15 Pausa para café.

13.00 Intervención de Patrick Lenagham, por videochamada, dende os Estados Unidos.

13.30 Mesa redonda con Alba Rodríguez, Ana Cabana e Santiago Garrido. Pechará as intervencións da quenda de mañá.

16.00 A actividade retomarase cun faladoiro que moderará, de novo, Santiago Garrido: «Conversando cos nosos maiores sobre a Dumbría dos últimos cen anos».

Imaxe orixinal, tomada no 1924 por Ruth Matilda, e recreación, tomada por Ana García no 2024
Imaxe orixinal, tomada no 1924 por Ruth Matilda, e recreación, tomada por Ana García no 2024 Ruth Matilda Anderson / Ana García

Preto dunha trintena de mulleres recrearon unha das imaxes máis icónicas da fotógrafa

Ruth Matilda Anderson (Nebraska, 1893-Nova York, 1983) naceu nunha familia ligada á arte e á fotografía, herdanza que se consolidou coa súa formación na escola Clarence White e co seu traballo para a Hispanic Society of America, entidade que lle fixo o encargo de retratar imaxes cotiás da España do primeiro terzo do século XX. Foi así como chegou a Vigo, no verán do 1924 e acompañada do seu pai. Tardou uns meses en arribar á Costa da Morte, e fíxoo precisamente entrando por barca no Ézaro, onde capturou algunhas das máis de sete mil instantáneas que fixo ao longo do ano e medio que durou a súa primeira viaxe.

Unha delas foi a unhas mulleres que arrastraban redes de pesca na praia, unha estampa que o Concello de Dumbría quixo replicar cen anos máis tarde. «Fixemos unha xuntanza con diversas mulleres do pobo e propuxémoslles que recreasen esa foto, e a verdade é que organizaron todo rapidísimo, buscando mesmo redes e roupas antigas e xuntándose ao final unhas trinta persoas. Pasárono en grande», indica Ana Casais. Casualmente, apareceron o venres no areal mulleres de avanzada idade que practicaran ese oficio no seu tempo, algo que deixou de facerse, apunta o alcalde, Raúl González, «a mediados dos sesenta».

A encargada de capturar a «nova versión» desa icónica imaxe foi a que dende Dumbría describen como «a Ruth Matilda da Costa da Morte»: a fotoxornalista de La Voz de Galicia Ana García. «É algo que nos gustaría seguir facendo, mesmo empregando barcas dende o mar como se facía daquela. Sería unha maneira de recuperar o noso patrimonio inmaterial», matiza a técnica de Cultura do Concello.