Primeiros anos de exercicio do médico Manuel Pérez Maroño en Mazaricos e Dumbría

braulio pérez astray

DUMBRÍA

Braulio, fillo de Pérez Maroño, co libro que escribiu sobre a figura do doutor
Braulio, fillo de Pérez Maroño, co libro que escribiu sobre a figura do doutor ANA GARCIA

Con apenas 28 anos de idade, comezou a diagnosticar numerosos casos de silicose

22 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez rematada a carreira universitaria e superadas as prácticas militares no norte de África, o novo médico Manuel Pérez Maroño, natural de Mazaricos, iniciou a súa actividade no rural cara novembro de 1957. Comezou as consultas na localidade mazaricá, e pouco despois, xa en 1958, faríao como médico de APD do Concello de Dumbría.

Para conseguir espazos destinados á función de consultorio, tivo que chegar a acordos con propietarios de vivendas en distintos lugares. Moi coñecidas para os seus pacientes eran a casa do Capelo, en Dumbría; a casa vella de Corbal, en Berdeogas; a casa de Bruno, no Ézaro; a casa do Regacho, na Ponte Olveira; a casa do Conde en Senande; a casa de Dona Carmen, na Picota, etcétera.

Como bo profesional, iniciouse en todo tipo de práctica médica: desde cirurxías menores ata operacións máis complexas, a atención a numerosos partos, accidentados de todo tipo, etcétera. Foi dos primeiros no uso dos raios X, cando nin sequera o subministro eléctrico estaba garantido. As súas consultas a domicilio, durante moitos anos feitas necesariamente a cabalo, espalláronse por toda a bisbarra.

Nunha entrevista en La Voz de Galicia, facía as seguintes consideracións sobre o enfermo rural e as súas doenzas: «O status social, a mentalidade e a cultura, así como a alimentación, son factores diferenciais claves respecto do enfermo do espazo urbano. As broncopatías, o reumatismo, a hipertensión, a diabetes e o bocio (menos nesta comarca que noutras), son as enfermidades máis comúns». Nesta ampla tipoloxía de doenzas, ademais doutras como a hepatite ou a meninxite, o doutor deu rapidamente mostras do seu ollo clínico e certeiro diagnóstico.

Silicose

Neses tempos iniciais en Mazaricos e Dumbría, con apenas 28 anos de idade, comezou a diagnosticar numerosos casos de silicose. Moitos daqueles doentes eran veciños das aldeas próximas á súa Figueira natal, como Buxantes, Anseán, O Logoso, Castrelo, O Ézaro, etcétera. Para o doutor Maroño, a causa daquela terrible enfermidade estaba moi clara, e non era outra que o traballo nos túneles construídos por Carburos Metálicos, S.A. entre 1947 e 1954 para o desvío do leito do Río Xallas, unha obra de gran magnitude feita con man de obra local a baixo prezo e sen as debidas medidas de protección para os traballadores.

En 1960, con motivo do seu casamento coa farmacéutica de Baio María Teresa Astray Romero, trasladou a súa residencia a esta vila. Durante anos seguiu viaxando día tras día, e a calquera hora da noite, pola terrorífica estrada C-552, ata os distintos lugares da Costa da Morte onde numerosos pacientes seguiron reclamando a súa atención.