Raúl González: «Os cartos mellor investidos son os que van para cultura e deporte»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

ANA GARCIA

Penúltimo día para participar no certame literario Territorio Vákner, que axuda a promover Dumbría e o emblemático monstro do Camiño de Fisterra e Muxía. Así o explicou en Radio Voz o alcalde dumbriés, Raúl González

14 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Últimas horas para participar no certame literario Territorio Vákner, convocado por La Voz de Galicia e o Concello de Dumbría para estimular o gusto pola literatura de terror e para dar visibilidade a ese monstro que é xa un emblema do Camiño de Fisterra e Muxía.

Mañá, mércores 15 de outubro, será o derradeiro día para que estudantes de primaria e secundaria, así como adultos, remitan os seus textos.

O alcalde de Dumbría, Raúl González, valorou en Radio Voz Bergantiños esta nova edición, na que, ademais, estrean padriño:

—Logo dun verán de récord no que a turismo se refire, coas primeiras néboas do outono chega o Vákner literario: un motivo máis para levar miradas ata Dumbría...

—A pesar de levar só cinco anos as categorías de ESO e Primaria, e catro a de adultos, é un certame que está xa asentado na comunidade. Con el, dámoslle visualización ao Concello de Dumbría e ao Vákner, esa figura enigmática que temos no Camiño de Fisterra e Muxía.

—Ao pouco de abrir o prazo, comezaron xa a chegar á redacción de La Voz en Carballo os primeiros textos.

—Antes de que saísen as bases publicadas, xa houbo xente que chamou ao concello para preguntar como podía participar. Están expectantes, e iso é fantástico.

—En pouco tempo, acadou un elevado poder de convocatoria.

—Estamos bastante asombrados, sobre todo, na categoría de adultos, porque a resposta foi boísima. Hai que resaltar, ademais, que este será o primeiro ano que teremos un padriño, Rodrigo Costoya. É un gran coñecedor do Camiño e creo que foi un gran acerto contar con el.

—De seguro eses 4.500 euros que se repartirán entre os premiados tamén son estimulantes.

—Se o traballo se ve recompensado cunha aportación económica, claro que axuda, aínda que creo que non é o máis importante. No ADN do Concello de Dumbría van a cultura e o deporte, así que intentamos darlle pulo aos dous ámbitos. E promovendo o Vákner, dámoslle promoción tamén ao noso patrimonio inmaterial.

—Sempre reitera que o Vákner é de todos, non só de Dumbría.

—Dígollo sempre ao resto de alcaldes na asociación que temos dos concellos do Camiño: o Vákner é de todos nós, do Camiño, aínda que nós teñamos unha pequena patrimonialización e o désemos a coñecer no seu día.

—Dicía hai pouco o escritor Pedro Feijoo, en Vimianzo, que se ten achegado ata a escultura do Vákner no Marco do Couto para inspirarse para as súas novelas.

—Caramba, pois non sabía iso [de Pedro Feijoo]. Agora mesmo, é un punto focal importante no Camiño. Xa o teño contado, pero hai ano e medio chegounos unha excursión de 200 persoas de Vilanova de Arousa e chamáronme para que os fose recibir. Era unha mañá de sábado chuviosa e faleilles de Olveiroa, da repercusión que o Camiño tivo na aldea... Pero cando lles expliquei o do Vákner marcharon totalmente intrigados. Algo así xa te alenta a seguir facendo cousas.

—A aposta é clara, entón.

—Penso que non hai cartos mellor investidos que os que se destinan a cultura e deporte, porque implican calidade de vida, tanto intelectual como física.

—Foi vostede un deses nenos aos que lle gustaba escoitar historias de medo de cativo?

—Pois non moito... E, de feito, as películas de terror non me gustan nada [ri]. Encántame a novela histórica, como a que escribe Rodrigo Costoya, ou a policíaca.

—O certame, que tamén contribúe a darlle pulo ao galego, mesmo ten libro cos relatos destes anos.

—Pois si, mandamos dous exemplares a cada colexio da provincia e a verdade é que foi unha iniciativa moi ben recibida.

—Xa queda pouquiño para que remate o prazo: unhas palabras finais de ánimo aos que aínda non remitiron a súa candidatura?

—Por suposto: animo a participar a tódalas persoas ás que lles guste escribir, anímoos a que envíen os seus textos e que axuden a facer o Vákner máis grande.