Como Presidente do club Voleibol Dumbría, que dende hai xa 10 anos compite na segunda división nacional, teño varios casos de xogadores que chegaron coma fichaxes e decidiron quedar na comarca para formar unha familia. Os máis singulares foron os casos dos dous primeiros xogadores que chegaron de fóra para reforzar a plantilla no ano 2016, e que a día de hoxe están vinculados ao club de distinta forma mentres teñen a súa vida instalada na zona.
As diferenzas entre ambas historias indican que a multitude de posibilidades que hai para establecerse. A primeira desas fichaxes do 2016, a día de hoxe xa formou unha familia dentro do concello e laboralmente ten unha empresa con varios traballadores. É un gran exemplo de que o deporte serviu como impulso para a súa vida persoal e profesional. A segunda daquelas fichaxes que empezaron a competir aquí da man dun Volei Dumbría que debutaba na Superliga 2, segue hoxe no equipo, axudando ao club e aos seus compañeiros ao mesmo tempo que xa formou unha familia na comarca.
Foron varios exemplos dende aquel 2016 no que o nome de Dumbría comezou a soar con forza no voleibol nacional. Numerosos xogadores estranxeiros pasaron polo club e todos eles deixaron unha forte pegada. A relación ca xente do pobo e da comarca sempre foi perfecta, sendo acollidos por veciños que abrían as súas portas a estas persoas sen dubidalo. Integráronse tan ben na maioría dos casos, que logo tamén tivemos que sufrir varias despedidas moi tristes.
En resumo, o deporte do voleibol serviu para que varias persoas decidiran facer a súa vida aquí, confiando o seu futuro laboral e familiar á unha comarca que pronto namora aos seus visitantes. Ao final, o que está claro é que as persoas somos persoas, veñamos de onde veñamos. E as oportunidades, nesta vida, están para aproveitalas e non deixalas marchar. O deporte é unha forma de facer futuro e aquí facemos unha forte aposta a partir desa idea.