«A xente de mediana idade aguanta cada vez máis o ritmo»

V. C. CARBALLO/LA VOZ.

FISTERRA

24 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A parroquia fisterrá de Sardiñeiro vivirá desde o venres ata o domingo as súas festas na honra do Sagrado Corazón de Xesús. Ana María Díaz, do lugar de Castrexe, e os veciños Juan Manuel Blanco, Yolanda Lires e Pedro Santiago Díaz cumprirán o seu oitavo ano á fronte da organización dunha celebración que levaba máis de vinte anos sen facerse ata que colleron o temón.

-Recuperando o bo...

-Iso é o que nos propuxemos os catro, e aquí seguimos. Cando comezamos levábase sen facer 23 anos. Era unha mágoa perder algo así, polo que tratamos de recuperala.

-E xa moita con experiencia ao lombo.

-Si, e moito traballo, pero facémolo con moito gusto.

-Os veciños non se queixarán con tantos días de festa...

-Antes celebrábase tan só o domingo, pero nós sempre quixemos que durase máis. Estamos moi contentos de que sexa así.

-Organizan churrascada, sardiñada, queimada...

-Así todo o mundo ten para escoller. Ademais, economicamente axúdanos moito.

-¿Quedan ata moi tarde?

-Ata as seis ou sete da mañá nunca recollemos. Os rapaces e a xente de mediana idade aguantan cada vez máis o ritmo. Pero se durase ata as nove, seguiríamos sen problema.

-Tamén gozaredes vós.

-Si, turnámonos para bailar.

-¿E respéctanse as quendas ou hai quen se esquece?

-(Ri) Facemos todos á quenda, non nos despistamos.