É tempo de esixir responsabilidades

Modesto Fraga A LUZ DO FIN DO MUNDO

FISTERRA

17 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Acabamos de coñecer as conclusións do informe do Icomos, prestixioso organismo internacional asesor da Unesco en materia de Patrimonio, referente á polémica restauración levada a cabo por César Portela e os seus cómplices na igrexa de Santa María das Areas, en Fisterra.

Unha vez máis, a cidadanía demostra que vai un paso por diante dos seus representantes pois foi a xente de a pé, os veciños e veciñas da localidade, quen primeiro alertaron deste atropello contra o noso patrimonio histórico e cultural no entanto os encargados de velar polas esencias da fisterranía ou ben ignoraban a desfeita ou aceptaban comungar con rodas de muíño.

Resulta sorprendente que perante o clamor popular da sociedade fisterrá que, desde o primeiro minuto se manifestou abrumadoramente en contra deste disparate, desta «sobreactuación» -en palabras do propio Comité- o goberno local opte por ventilar aos catro ventos as súas dúbidas sobre que posicionamento tomar. A estas alturas é máis que evidente que a restauración, por chamarlle dunha maneira elegante a semellante trapallada, só serviu para colmar o desmedido ego do artista e, polo visto, agradar a algúns iluminados máis dos da súa pléiade; seguidores de Viollet-le-Duc incluídos. Os experimentos con gaseosa, mellor no estudio de arquitectura que enriba do patrimonio común.

O posicionamento municipal debe ser nesta ocasión contundente, rotundo. Primeiro, porque conta co aval dun informe de expertos internacionais en Patrimonio e, en segundo lugar, porque ten a maior das razóns: «O povo é quem mais ordena», que cantaban con orgullo os nosos irmáns da outra beira do Miño o día da súa liberación da ditadura salazarista.

Chaman poderosamente a atención, porén, as declaracións públicas realizadas estes días polas autoridades locais (das eclesiásticas nada se sabe aínda por se tratar de cousa divina, e dos de Patrimonio, máis do mesmo), nas que se cuestiona quen ten agora a razón, esa especie de To be, or not to be propio de Hamlet. Haberá que atribuílas ao período carnavalesco no que estamos, pois antóllase difícil contextualizalas doutro xeito que non sexa como unha parte máis do atrezzo festivo e sarcástico tan característico do entroido.

Volvendo ao informe do Icomos, parece ser que o famoso encalado co que se pretendía atallar as humidades da igrexa non serviu de nada e só foi unha escusa máis para tentar xustificar o inxustificable.

Pretender impoñer unha cuestión estética como é pintar de azul augamariña os arcos e as bóvedas dun templo románico do século XII co único afán de alimentar o ego persoal en base a argumentacións subxectivas, amais dun acto de vaidade supón un absoluto desprezo á testemuña histórica dun monumento que conta con preto de mil anos de historia. Se algo quedou meridianamente claro durante todo este proceso é que ningunha das explicacións ofrecidas polos responsables desta actuación se sustenta en aspectos técnicos obxectivos e o informe do Icomos así o constata.

Veremos agora de que lado está cadaquén. Polo de pronto, non estaría mal ir pensando na asunción de responsabilidades, que as hai e teñen nomes e apelidos.