Áurea Domínguez: «Ou son alcaldesa ou quedo na oposición, iso é o que hai»
FISTERRA
Mantén a condición do seu programa: que calquera pacto pase por asumir ela o executivo e liderar o cambio dende Alternativa dos Veciños, que obtivo tres edís
01 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Alternativa dos Veciños, encabezado por Áurea Domíguez (1967) e novo partido en liza en Fisterra, obtivo tres edís nas eleccións do pasado 28 de maio.
—Que sensacións lle deixou o domingo?
—Moi boas, con expectativas a poder chegar a gobernar, pero hai que esperar, ver se as negociacións se chegan a facer ou non. Son tres partes e as tres teremos que falar.
—Entendo que fala das tres de esquerda, PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños.
—Si, exacto.
—Desbota unha conversa co PP, entón?
—Non é que desbote ningunha conversa co PP, pero se o que pretendo é investirme alcaldesa, entendo que eles non estean por ese labor logo de obter cinco edís. Estou aberta a todo, pero acceder á alcaldía en caso de que se fixese un pacto é algo que eu levaba no meu programa, non me podo saír de aí. Ou resulto alcaldesa ou quedo na oposición: iso é o que hai.
—Non contempla unha tenencia de alcaldía?
—Non. Un pacto pasa pola alcaldía.
—Alternativa dos Veciños non é un partido novo, pero en Fisterra si. Esperaba realmente entrar con tanta forza?
—Esperábao, porque tiñamos moitas queixas, e porque por iso mesmo me presentei ás eleccións, animada pola xente que me dicía que me apoiaría para un cambio.
—En Sardiñeiro tivo amplo apoio [266 votos fronte aos 146 do PP].
—Si, moito apoio da miña parroquia, algo moi bonito e moi emotivo.
—José Marcote aludiu a Alternativa como un partido nacido do «odio ao PSOE». Ofenderon esas palabras?
—A miña campaña baseeina noutro tipo de cousas, no meu programa, non en descalificar a ninguén, e tampoco vou poñerme agora. Non me gusta.
—A xente quere un cambio?
—A xente pide un cambio, si, sexa do color que sexa, pero pídeo. Percíbese ben.
—E se o PP lle cedese a alcaldía? Vería posible ese pacto coa forza popular?
—Nunca descartei ningún pacto, o que queremos Alternativa é desenvolver o noso programa. Se iso se cumpre, pois aí está, unha opción aberta a todas as forzas.
—Fala de cambio, pero un pacto con PSOE e BNG suporía conservar esas forzas.
—Se o que pretendemos é chegar á alcaldía, ten que haber entendemento. Se o que queremos é unirnos as forzas de esquerda e evitar o goberno do PP, tamén. Pero aínda non comezamos a falar. No meu grupo polo menos quédanos aínda facer a reunión, e entendo que de aí sairán directrices tamén.
—Ve factible un goberno tripartito cando se insistía tanto nas eivas dun bipartito?
—Se se chega a un acordo, será porque o vexa factible. Do contrario quedarei na oposición, porque, se se fai ben, é un sitio moi honrado para facer política e defender o Concello.