Se me sinto dalgún lugar, ese é a Costa da Morte

Brais Morán

FISTERRA

En primeira persoa | Palabras de Brais Morán antes da súa actuación no festival Fisterra Experience

29 jun 2024 . Actualizado a las 21:41 h.

Contentísimo de poder actuar este sábado no festival Fisterra Experience, xa que «Se me sinto dalgún lugar, ese é a Costa da Morte».

Vivo na Coruña, pero toda a familia por parte de nai é de Ponteceso e a miña infancia está totalmente relacionada con toda esa zona: Corme, Laxe, Malpica e arredores ata chegar a Fisterra e Carnota como simboloxía de ir á «fin do mundo». Os meus avós eran de Tella e a nosa casa está no Campo da Feira. Vou para alí sempre que podo.

En tódolos discos que saquei hai alusións ás vivencias persoais de toda a natureza da Costa, no xungal, polas praias, polas estradas, polos montes...

Así como nos anteriores discos Cruzando o eclipse (hai un tema titulado Os pensamentos da estrada que se pode concebir coma un recorrido por todas esas comarcas de Bergantiños, Soneira, Xallas ou O Ézaro) , ou en No Mato do desespero hai unha canción que tocamos sempre e que é un canto á infancia da Costa da Morte xa consolidada coma un himno, como é Cando imos para ese lugar. Tamén outra canción feita de maneira directa para a praia onde medrei: Valarés. Nestas dúas pezas colaboran con nós as Tanxugueiras.

Neste último álbum Revolución Chic do mesmo xeito está presente a paisaxe da costa, como pode ser en Sons de Libertá coma se fose unha terra bergantiñana tropical ou Savoir faire, na que me inspirou o Mar de Ardora para contar unha historia de amor.

Os meus videoclips xa son unha constante desde os tempos de Loretta Martin cando gravamos As cores do solpor nas paisaxes de Traba e Soesto, ou en As cores do Mato, sendo A Saimia e a praia da Barra os lugares protagonistas.

O último video feito pola zona foi o de Nasaufunk Mameluca, deste último disco e gravado no medio do mar entre Cabana e o pinar da praia de Valarés.

Serían innumerables as cancións que fixen inspiradas en toda a Costa da Morte, así que o mellor momento de escoitalas é este sábado unha vez que subamos ao escenario de Fisterra, onde tocaremos as cancións deste disco e clásicos de sempre.

Vai ser funktástico e funkdamental que veñas bailar!

Vémonos alí!