Fisterra necesítao

Vicente de Lema CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

15 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Fisterra, o último paso de Europa. A proa de Galicia. Dá mágoa ver como anda o Concello. Coma dous cun zapato, e cun zapato ben pequeno. É unha situación na que se ve ben ás claras como os políticos de quenda poden amolar ben un municipio. Resulta que á alcaldesa, que xa só tiña dous compañeiros, agora só lle queda un. O terceiro virouse no xugo e mesmo vota en contra do que propón a rexedora, que é do seu grupo. Un caso de transfuguismo. O seu partido quere mangonear dende fóra. Así que, actualmente, o goberno local está formado só por dous edís, o que resulta esperpéntico. Dous contra oito, porque a mandataria tampouco ten o apoio nidio e claro dos socialistas e nacionalistas, e menos aínda o dos populares. E se buscan solución nunha moción de censura, tampouco está clara, a non ser que o PSOE ou o BNG apoien ao PP, o cal está, en principio, moi pouco acorde coa lóxica. Só no caso de que se convencesen de que sería unha necesidade imperiosa para salvar Fisterra do desgoberno podería ter algunha posibilidade, pero os máis botarían as mans ao ceo por un pacto contra natura. A outra posibilidade é que o concelleiro rebelde se poña de acordo co PP para presentar a moción, pero nese caso a lexislación contra o transfuguismo podería botala abaixo. Así que as saídas están moi difíciles e o que se adiviña son tres anos coa alcaldesa atrincherada no decreto e os demais a apoiar o rexeitar as súas propostas segundo vexan. Outra opción, a máis razoable, é que a mandataria se baixe a pactar cos outros grupos un plan de goberno serio. É o único camiño. Fisterra meréceo e necesítao.