Antes de pasar a liña imaxinaria que divide o mundo real do que non se ve, pero que atrae a milleiros de persoas durante séculos para observar o luscofusco
15 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha ringleira de persoas camiñan desde diferentes lugares da vila para ser espectadoras do cénit. Algunhas delas coxean e agárranse ao brazo dun compañeiro. Outras sosteñen un caxato asegurando cada paso coa mirada no fin do mundo.
Hai de todas as idades. Nenos, adolescentes, vellos, mulleres, homes seguen o itinerario á sombra dos pinos para
chegar á meta onde os recibe unha tenda de souvenirs, antes de pasar a liña imaxinaria que divide o mundo real do que non se ve, pero que atrae a milleiros de persoas durante séculos para observar o luscofusco.
O mesmo que din facían os nosos devanceiros. Chegar a Fisterra nun serán e subir ao Monte Facho é abrirse a compartir con milleiros de persoas pregarias en linguas estranxeiras ben en coro, ben coas mans unidas uns cos outros en liña ou ben sós. Rezan ou falan para si mesmos. Sentados ou de pe diante dun mar inmenso asisten ao espectáculo máxico do ocaso que para eles é o remate dun periplo vital. O fin do camiño.
O mesmo que realizara don Gaiferos de Mormaltán, protagonista do romance popular galego, parece ser que baseado na figura de Guillermo X, Duque de Aquitania, peregrino a Santiago no século
XII e que morre na cidade do apóstolo prostrado ao pe dun altar, canso e vello despois de peregrinar e padecer intensos días de sol, noites de frío, azoutado polo vento e mollado pola chuvia do inverno.
Fisterra é o fin do camiño físico e espiritual. O renacemento de moitos e moitas donas e don Gaiferos. Un oeste vixía do faro de Corrubedo co «seu ollar largasío».