Suma de forzas en Serantes, Laxe, para unha escola de verán rural «pioneira» e bilingüe

La Voz CARBALLO / LA VOZ

LAXE

Foron 25 os nenos participantes, de entre 6 e 12 anos, chegados tanto da zona como doutras partes de España e do estranxeiro

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«A vida rural pode ofrecer propostas educativas modernas e conectadas co mundo, sen renunciar á identidade local nin ao valor de comunidade». Velaí unha das principais conclusións que deixou, estas dúas semanas pasadas, a primeira edición dunha escola de verán rural colaborativa levada a cabo no local social de Serantes (Laxe).

Referencian así unha «iniciativa pioneira» nada da colaboración entre a Asociación Veciñal de Serantes, o coliving rural iSlow e unha rede de entidades locais «comprometidas coa dinamización do territorio», ademais das propias familias. Foron 25 os nenos participantes, de entre 6 e 12 anos, chegados tanto da zona como doutras partes de España e do estranxeiro. Indican dende a organización que o obxectivo principal pasaba por «crear un espazo de aprendizaxe e convivencia rural en clave bilingüe». Así, os rapaces tamén se achegaron ao inglés, a través de actividades lúdicas, educativas e comunitarias.

Limpeza de praias con Mar de Fábula, obradoiros de ciencia e robótica, cociña tradicional galega, creación audiovisual, actividades na natureza, así como surf, paddle surf ou kaiak foron as principais propostas, destacando ademais un Día de Negocios, no que os pequenos interactuaron coa veciñanza. Esta escola rural supuxo, doutra banda, o inicio de actividades por parte dunha nova entidade, Agora Rural, achegando no seu caso un taller sobre retos e oportunidades para este ámbito.