A revista «As Mallas da Area», un cumio de saudades que xa chegou tamén a Uruguai

Toni García de Seárez ONDAS QUE VAN E VEÑEN

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Presentación da revista, celebrada no Fogar dos Pensionistas de Malpica a pasada semana
Presentación da revista, celebrada no Fogar dos Pensionistas de Malpica a pasada semana BASILIO BELLO

Por Toni García de Seárez | A publicación faime recordar unha anécdota que comenta Pepe Núñez Búa no seu fermoso libro «Revoeira»

29 ago 2023 . Actualizado a las 19:40 h.

Teño hoxe no meu ordenador, por vía de Messenger, a revista As Mallas da Area, unha publicación amorosamente confeccionada pola asociación cultural do mesmo nome, rica en historia e vida da encantadora vila mariñeira de Malpica de Bergantiños e que, xenerosamente, me fai chegar o noso querido Xosé Manuel Varela cun discreto enunciado: «Aquí che vai a revista malpicá».

Que Deus cho pague, prezado Xosé Manuel! Porque mentres repaso as súas páxinas encontro o molde que abraza as miñas sensibles lembranzas da nosa querida terra. A publicación faime recordar unha anécdota que comenta Pepe Núñez Búa no seu fermoso libro Revoeira, no capítulo que titula «O corazón nunca emigra».

Foi así: «Alá polos anos cincuenta, celebrouse no Centro Galego de Buenos Aires unha exposición de retratos e paisaxes de Galicia con obras de Veiga Roel, Otero, Moneo Sanz e Xulio Painceira. Os visitantes, chegados a moreas, contemplaban as do profesor Painceira, arxentino, fillo do padronés don Xulio Painceira, que fora notario na Cidade da Prata, bo poeta, e que soubo ensinar aos seus fillos a amar a Terra dos seus ascendentes.

Entre os visitantes había unha parella xa nos eidos da vellés. A señora, moi arrombadiña e ben peiteada, como persoa acomodada, ollando unha das fotos na que aparecían unas mozas aldeás (cariátides vivas) que camiñaban sostendo en equilibrio en riba da cabeza cestas acoguladas de patacas do país, dixo:

—Ai, Ramón, como me fan acordar de cando eu era noviña e ía ao mercado do Espolón a vender os repolos ou os pementos!

O home, mirando o retrato da horta da Matanza, na que viviu e morreu Rosalía, falou:

—Que cepas ben podadas! Dese xeito as podaba meu pai en San Miguel de Deiro, alá en Cambados!».

Isto sucede porque calquera galego que contemple dende lonxe, no espazo e no tempo, estampas como aquelas ou como as que nos mostra o meu veciño e fotógrafo Antonio Fernández, e que representan a estampa case viva da Terra que deixamos atrás, pero xamais esquecida, xorde por enriba ou por embaixo a emoción estática detida na saudosa lembranza da imaxinación.

Isto foi o que me pasou hoxe diante desta estupenda publicación malpicá, que leva tamén o meigallo nome d’As Mallas da Area e que vén a ser para min como aquilo que lles aconteceu a aqueles dous vellos emigrantes, burgueses por fóra, con posición social definida, afeitos a traballar a diario en Buenos Aires, por onde, como o Ramón de Sismundo lorquiano, pasearon a súa saudade desde había medio século. Porén, diante daqueles retratos da realidade galega, de súpeto atopáronse mergullados nos días da súa mocidade. Tal e como me pasou a min lendo a revistiña escrita con tanto cariño e paixón polas xentes de Malpica de Bergantiños.

Tal vez a lingua, a codia, imita, se acomoda ao medio do idioma castelán. Mais o corazón, o cerne, o miolo do espírito galego permanece firme e insubornable. Tan só os desleigados, que os hai, son unha excepción.