
A asociación cultural Raigañas agrandará a historia desta cita coa xa 17.ª edición
22 abr 2025 . Actualizado a las 23:50 h.Nun ano de cantareiras e pandeireteiras como é este 2025 cunhas Letras Galegas dedicadas a elas, non han faltar as foliadas. Pero a de Cerqueda (Malpica) é foliada con maiúsculas: a 17.ª edición, que levan canda si a 11.ª Foliadiña, será este vindeiro sábado 26 de abril, no local social das Pozacas. A asociación cultural Raigañas, con 45 anos de traxectoria, promove este encontro, nesta ocasión dedicado a todas as mulleres mestras pandeireteiras do país, pero en especial ás da parroquia de Cerqueda, «que nos ensinaron a manter a nosa tradición oral, a nosa lingua, a facer comunidade».
Son aquelas que cada mércores das últimas semanas viñeron nomeando nas súas canles: As Trighas de Ardeleiro (Florinda, Elvira e Sabina), Higinia do Ghallegho, María de Vighán, Carmela, Evangelina e Lola do Ghoriño, Socorro da Locaia, Carmen de Blanco, Florinda da Tera, Generosa do Saleiro, Ramona do Margharito, Ramona de Pena, Dolores de Martiño e Dolores de Mandián. Houbo máis, seguramente, mais delas non hai coñecemento. Doutro lado, Raigañas quere homenaxear tamén ás mestras pandeireteiras que pasaron pola entidade, algunhas delas aínda presentes. As súas foron aulas de pandeireta e canto, ensinanzas para coidar e manter o legado musical e oral das avoas, parte da identidade: Fransy González, Silvia Suárez, Pili Balado, Begoña do Manso, Olga Kirk, Rosario das Marías, Mar da Bouzas, Icía do Manso e Sonia Reborido.

O programa
No que respecta ao programa desta 17.ª edición, o día principará cunha sesión vermú (13.00) amenizada polos grupos de pandeireteiras e gaiteiros de Raigañas, así como polo grupo de música A Requinta da Laxeira. Haberá opción de comer por un módico prezo, e das 17.00 en adiante chegarán os contos de María da Pontragha, así como un obradoiro de varas de vimbio para nenos.
Tamén cos pequenos chegará ás 18.00 a foliadiña, dando paso logo, a iso das 20.00, á foliada propiamente dita, da que se conta que dure ata as 02.30. Para todo haberá unha carpa, cada ano ambientada cunha temática distinta. O cartel deste ano (fotografía de Raquel Uxía, Imos de romería) dá algunha pista. Música, baile, risas, parolas, sorpresas... Todo iso anuncian dunha cita que medra de ano a ano, polo esforzo de Raigañas e das asociacións participantes.

E quen mellor para reclamar que se acuda á foliada? Pois unha pandeireteira histórica, das últimas de Cerqueda, María de Vighán. Tivo a visita de Begoña e Icía do Manso, e aínda foi quen de botarlle unhas cantigas. Pode velo aquí.