As Pandeireteiras de Mens «volven» ás festas da súa parroquia

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

CEDIDA (J. M. FERNÁNDEZ PENSADO / ATURUXO)

Fernández Pensado, Manel de Aturuxo, presentará este sábado alí o seu libro «As vellas de Mens»

25 jul 2025 . Actualizado a las 01:10 h.

Tamén, ao final si, na casa. As actuacións «polo mundo» tiveron moito significado, que dúbida cabe, para as Pandeireteiras de Mens, mais tamén aquelas ao pé da casa. Pasaron pola Barquiña de Ponteceso no 1989, pola romaría de San Bernaldo da Graña tamén ese ano, ou pola Romaría da Barca de Muxía, no 1991, unha cita que tiña gran tradición nos fogares das de Mens (...) Pasaran xa 17 anos desde a súa entrada en Aturuxo cando As Vellas, por fin, actuaron en Mens: foi o 25 de xullo de 1990, nas festas do patrón, Santiago Apóstolo de Mens. Sabedores aplausos!

O libro As voces da terra, publicado por La Voz de Galicia nestas Letras Galegas 2025, recolle así aquel paso das Vellas de Mens pola súa parroquia malpicá. Trinta e cinco anos despois, esas mulleres que mereceron este 2025 o recoñecemento da Real Academia Galega, volverán a esas celebracións. Dun xeito distinto, claro, pois todas faleceron, mais fica a súa memoria e lembranzas. Será coa presentación do libro As vellas de Mens, de José Manuel Fernández Pensado, Manel de Aturuxo. Unha cita que tivo que ser posposta no seu día e que, ao final, poderá ser este sábado 26 de xullo, ás 19.00 horas, no campo do baile.

Volverán resoar aí os nomes de Prudencia Garrido Ameijenda (1903-1993), Teresa García Prieto (1909-1979), Manuela Lema Villar (1913-1993), Asunción Garrido Ameijenda (1915-2007), Adela Rey Torrado (1920-2016), María Teresa Lema Varela (1923-2019), Jesús García Veiga (1925-1998) e Alfonso Varela Garrido (1926-2005). Contará o acto deste sábado coa participación da filóloga Carla Varela, como moderadora; Xosé Manuel Varela, autor do prólogo do libro; Isabel García, presidenta de Aturuxo, e o alcalde malpicán, Eduardo Parga. Tamén estarán presentes Nerea Negreira, bisneta de Adelay Rey, e Belén González, neta de Teresa Lema e Manuela Lema. 

AS FESTAS DE MENS

  • Xoves 24. Ás 23.30, gran verbena con discoteca móbil Impacto e DJ Drew Korme. 
  • Venres 25. Ás 13.00, misa na honra de Santiago Apóstolo. Vermu coa orquestra Compostela e verbena con Compostela, disco Impacto e DJ Nyam Boe. 
  • Sábado 26. Misa ás 13.00, vermú coa orquestra Arcordes e verbena con Acordes, disco Impacto, DJ Cotelo e DJ Ariax. 
  • Domingo 27. Misa ás 13.00, vermú e verbena con La Bamba. 

Organiza a comisión de festas de Mens, coa colaboración do Concello de Malpica