«Este ano e máis o pasado foron os máis duros dende que son cura»

MUXÍA

TERESA BÚA

O sacerdote espera unhas festas da Barca más concorridas ca nunca

06 sep 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O párroco de Muxía, Francisco Manuel Liñeiro Rama (Moraime, 1929) ten xa atravesado por situacións moi complexas na súa longa traxectoria como cura da localidade e responsable máximo do santuario de Nosa Señora da Virxe da Barca, pero recoñece que esta última época, coa igrexa case destruída e todos os problemas posteriores foron especialmente complicados.

-¿Pasouno mal?

-Sen dúbida ningunha, este ano e máis o pasado foron os máis duros para min dende que son cura, porque xa vou bastante maior e tocoume tratar con cousas moi feas porque non tiñamos practicamente nada, só nos quedaron as paredes de pedra. O outro tivemos que recuperalo todo.

-¿Sufriu durante as obras?

-Si, porque vía situacións que me parecía que non estaban ben, que non me gustaban e que non podía facer nada, sentía impotencia. Fixeron cousas boas e outras moi malas, como a altura das escaleiras, os forxados de madeira, o camarín da Virxe sen protección ningunha, co cal pode vir un fanático ou alguén que non está ben e tirala abaixo. De feito desta vez xa non deixamos subir arriba cando antes había ao mellor más de 100 persoas.

-¿Corrixiron algo?

-Si, xa fomos compoñendo moitas cousas, como tapar os ocos das escaleiras, ou facer outro chanzo para que se poida subir. Ao sagrario fixémoslle un revestimento sen tocar o deles, por se veñen por aí, protestan e hai que quitalo. Tamén as portas que se abrían co aire e máis outras cousas, pero preocúpanos, por exemplo, que os pontóns do tellado na sancristía estean podrecendo pola humidade e os parafusos que puxeron para suxeitalos se vexan xa todos oxidados, ademais de outras cuestións.

-¿Como respondeu a xente despois de todo o alboroto?

-A xente quéixase aínda moito a día de hoxe. Non hai máis que escoitar o que din cando veñen estes días á novena e ven o que era a Barca e como quedou. Agora tampouco non están nada contentos con que prohibiramos acender velas [hai vitrinas automáticas que funcionan con moedas] pero ten que ser así porque o chan é pedra e mánchase moito coa cera. Despois diso á resposta está sendo fenomenal, non hai máis que ver os manteis de encaixe ou todos os metais que fomos comprando porque non había nada. O estandarte por exemplo, traído de Italia, é unha doazón de tres irmáns. Todo o que nos trouxeron son cousas de moita calidade. Aínda así non é o mesmo agora que cando tiñamos todo.

-¿Que lle pareceu a solución que lle deron á Pedra de Abalar?

-Ben, trouxeron o anaco para arriba. Parece que non abala moi ben, pero tampouco xa non abalaba antes porque xa estaba desprazada do seu sitio.

-¿Como valora a situación da romaría máis alá do relixioso?

-Eu case non vou abaixo neses días e non o vexo. Sei o que me contan, que hai moito alcol e drogas, que o peor foi hai tres anos e que dende entón se están facendo as cousas mellor para corrixir iso, que dende logo non é bo.

-¿Que Barca espera este ano?

-Eu penso que vai vir moita xente, quizais máis que nunca, porque de feito xa está vindo á novena ata o punto de que facemos máis misas das que tiñamos programadas. O problema e que antes tiña un cura que me axudaba todo o tempo e agora van vindo compañeiros cando poden porque somos moi poucos na zona.