Os lazos do amor entre Ramón e Manuela non quedaron reflectidos en ningunha rede social. Tampouco colgaron ningunha imaxe xuntos de ningunhas vacacións, porque nunca tiveron. Vacacións son as misas dos Milagres de Caión ou da Barca de Muxía. Mesmo algún funeral e enterro. Momentos de vida e de encontro a través da morte. Como moito, hai deles algunha fotografía feita por algún neto, case roubada, para gabarse duns avós fortes, para presumir de orixes. Ramón e Manuela dedicaron toda a vida a ir sobrevivindo primeiro e vivindo despois, a ir gardando da risa para a chora, a ir criando fillos co que había, pero envoltos en cariño. Hoxe, pola falta de oportunidades que no seu día houbo no rural (ou porque as das cidades eran mellores), o que teñen son chamadas diarias, preocupadas. Visitas constantes cando se pode e, os domingos, a mesa chea de doces de agradecemento. A Ramón xa lle costa andar, dóenlle os pés e as pernas e pola noite non descansa. Manuela ergue sempre canda el, dorme pouco, vixía que non caia. Eles non superaron ningún test deses que che indican se o compañeiro ou compañeira que tes ao lado é ou non o ideal. Ningún dos dous se pregunta polas oportunidades perdidas e, agora que custa andar, agárranse da man como non tiñan feito dende ben novos. Danlle vida as chamadas, porque sempre tiveron os brazos abertos. Ramón e Manuela son os Manolos e as Marías, son os nomes de moitos na Costa da Morte. Na comarca hai 337 maiores con servizo de teleasistencia. O botón do cariño e do auxilio as 24 horas. A tecnoloxía fronte á despoboación e ao envellecemento.