
Director do Museo do Pobo Galego, intervén hoxe na xornada «Rosalía na Costa da Morte,» en Muxía: este é o programa
31 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Manuel Vilar, como experto na obra de Rosalía e como director do Museo do Pobo Galego, ademais de como muxián, será hoxe un dos convidados na xornada Rosalía na Costa da Morte, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro. Dará comezo ás 11.00 horas no Parador de Lourido.
-Podería avanzar algo da súa intervención neste encontro?
-O que vou facer é intentar explicar cales son os motivos que levaron a Rosalía a Muxía. Ela era amiga de Eduarda Pondal, irmá de Eduardo, e tamén amiga del. Falarei ademais dos lazos dos Pondal con Muxía e do que ela sacou desa visita para a súa obra literaria.
-Que se sabe daquela viaxe da autora á localidade? Parece que dá pé a moitos polos de reflexión, segundo se ten dito.
-Non hai unha información directa do que fixo en Muxía, a non ser polo que se desprende do poema incluido en Cantares Gallegos ou pola obra La hija del mar. O que hai son uns lazos dos Abente cos Pondal e ela era amiga dos Pondal. Ese é o motivo de que vaia á romaría da Barca no ano 1853. Hai que lembrar, ademais, que o bardo ía estudar a Nemiña...
-Que agarda da xornada?
-Espero que se recoñezan estes valores literarios e culturais, que poida animar a ler a estes autores clásicos, a estar orgullosos deles e, dalgún- xeito, a utilizar isto no presente, que estes valores se entendan como patrimonio.
-Quizais unha ruta perenne?
-Non proporei ideas concretas. Hai 8 anos xa se falara dunha Ruta Pondaliana de Ponteceso a Nemiña, pero finalmente non foi adiante. O interesante, por exemplo, é que a xente que hoxe vai a Nemiña facer surf saiba que antes non se ía facer surf, pero tamén se ía a Nemiña, que ten uns valores culturais que reivindicar.
Conferencias, roteiros, poesía e tamén música
A partir das 11.00 horas • Co financiamento do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, a Fundación Rosalía de Castro ten organizada para hoxe unha completa velada.
María López Sández, experta tamén na obra a padronesa, será a primeira en intervir no Parador: abordará a relación vital e literaria da autora coa vila muxiá. Ás 12.00 será a quenda de Vilar, coas viaxes de Rosalía á Costa da Morte.
Para as 13.00 horas, doutro lado, está previsto un primeiro roteiro, unha visita guiada para nenos polos lugares rosalianos de Muxía, a cargo de Viki Rivadulla. Para a tarde (16.00 horas) quedará a saída literario-musical guiada por Xurxo Souto. Logo, ás 18.00, haberá un recital poético con autores da comarca: Rosalía Fernández Rial, Modesto Fraga, Estevo Creus, Miro Villar, Alexandre Nerium, Rafael Lema, Concha Blanco e María Canosa. Finalmente, das 19.30 en adiante, actuará Belém Tajes. Para inscribirse: fundacionrosaliadecastro@gmail.com.