Muxía espera a calma

Vicente de Lema ONDA MAINA

MUXÍA

30 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Os temporais en Muxía son lendarios. Cando o mar se revira e turra contra a Buítra, a punta da Barca ou Toruiñán é mellor non achegarse e deixalo ata que calme. A que chegue o devalo, que sempre acaba chegando. Así debería suceder no Concello, que xa leva un tempo arrasado por un temporal que non dá amainado. Xa vai mandato e medio no que a corporación municipal non para de protagonizar liortas, enfrontamentos, insultos, crispación e actitudes nada edificantes nin modélicas. O deterioro vén sendo gradual dende hai máis de catro anos e, a pesar de ter habido unha moción de censura, non se detivo. Continúa. O malo é que hai unha persoa que sempre sae retratada en todas as secuencias: Iago Toba. Tiña que empezar a reflexionar se a súa actitude e modelo de comportamento é o que se lle pide e o que correspondería a un líder que aposte pola serenidade, a ponderación, o saber estar e o rigor que compre ben na alcaldía ben a fronte dunha oposición. Tíñao todo para ser rexedor de Muxía durante moitos anos. Primeiro, coa maioría absoluta. Logo, e tras perdela, puido facer o esforzo de pactar con algún dos grupos que lle dese un mandato tranquilo de catro anos. Se insultas e te enfrontas aos teus posibles aliados faise imposible chegar a acordos. Na rifa sempre acaba un perdendo a razón. Na última sesión plenaria, a situación xa chegou a un punto que se pode considerar límite. Muxía non pode continuar así. Este temporal ten que ter fin, polo ben de Toba e polo ben de todos.