Lanzan Muxía Cultural, «un novo xeito de entender o noso territorio»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

ANA GARCIA

«Concello e cooperativa xuvenil Horta Creativa colaboran neste proxecto que defiron como «compromiso co futuro cultural de Muxía»»

09 abr 2025 . Actualizado a las 15:27 h.

O Concello de Muxía e a cooperativa xuvenil Horta Creativa veñen de lanzar Muxía Cultural, panca para facer do municipio «un lugar máis dinámico, aberto e creativo»: «Máis que unha idea, é un compromiso co futuro cultural de Muxía, un proceso de creación de escena cultural que vai transformar o noso concello, darlle unha identidade fundamentada na cultura, na unión da xente e na aposta por un modelo de desenvolvemento sostible», en palabra da concelleira Sandra Vilela. Engadiu: «Non é só unha iniciativa, é un novo xeito de entender o noso territorio, unha forma de recoñecer e valorar o que somos a través da nos historia, tradición e, por suposto cultura».

Conexión, cohesión, identidade adaptada aos tempos, «parte dunha gran familia que avanza xunta». Reivindicación de potencial e novas formas de participación para a cidadanía, de xeito que se sintan protagonistas, parte. Muxía Cultural será «o paraugas que acolle, identifica e une ao noso concello en torno á cultura». Un proxecto «ambicioso», de entrada, para este 2025, pero ao que tamén lle queren dar continuidade no 2026 e 2027, avanzou o alcalde, Javier Sar.

Polo que respecta ao máis inminente, aí entrarán a Festa do Congro ou as Letras Galegas, das que se avanzou un mes enteiro de programación, sendo a muxiá Eva Castiñeira unha das homenaxeadas. Tamén as Rutas do Mar ou unha programación itinerante polas parroquias: «Queremos facer de Muxía un destino atractivo todo o ano, que se nos recoñeza como centro cultural». Para Vilela, «marcará un antes e un despois».

Manuel Nogueira, integrante de Horta Creativa xunto cos tamén mozos Adrián Alcaina, Sergio Tarrela e David Fernández, amosou o «orgullo» de dar luz a este proxecto: «Somos catro rapaces de aquí, que decidimos quedar e traballar no que nos gusta, a xestión cultural: «Estamos seguros de que vai traer moitas alegrías, facer un pouco máis feliz á xente». Javier Sar gabou o esforzo e traballo do departamento de Cultura, tamén coas técnicas Viki Rivadulla e Mirian Carril. Está última falou do peso que terá a música e tamén da vontade de crear «inquedanzas na veciñanza».

FESTA DO CONGRO

A Festa do Congro será o primeiro evento de Muxía Cultural os vindeiros 18 e 19 de abril, cunha programación especial que inclúe a degustación do típico congro no porto de Muxía, música en vivo e concertos. Catuxa Salom e Os Bugis actuarán na noite do venres no Malecón e a música tradicional terá tamén un espazo protagonista cos Cantos de Taberna e as actuacións de distintas formacións da comarca.