
Festexou este martes as Letras no Parador Costa da Morte, onde tamén se fixo un tributo ás cantareiras
14 may 2025 . Actualizado a las 11:42 h.Coa cantareira Eva Castiñeira, nada en Agranzón, Ozón, entre as homenaxeadas este ano pola Real Academia Galega, Muxía é un dos epicentros destas Letras Galegas. Foi o lugar elixido este martes, doutro lado, para unha conmemoración e homenaxe adiantada por parte do PPdeG. Tivo lugar no Parador, un acto conducido pola coordinadora de Cultura do PPdeG, María Baleato, e que contou coa colaboración musical de Trubisquiña.
Reivindicou o partido a lingua «como patrimonio de todos os galegos»: «A lingua é para unir e non para dividir», asegurou a secretaria xeral dos populares, Paula Prado. Como identidade, afondou, «non pertence a ninguén máis que a todos e cada un dos galegos e galegas»: «Mentres uns intentan apropiarse da lingua, ridiculizar a quen non a fala como eles e impoñer o monolingüismo, nós seguiremos falando galego e defendendo o bilingüismo cordial».
«Dende o PPdeG cremos que a mellor defensa da nosa lingua, o noso maior tesouro, é a través da convicción e non da imposición», afirmou do seu lado José López Campos, responsable de Cultura, Lingua e Xuventude no Goberno. «Se algo temos claro no PPdeG é que non hai futuro sen raíz. En Muxía apostamos pola cultura», engadiu asemade a voceira popular en Muxía, Sandra Vilela. Un canto á alma de Galicia: iso dixo Paula Prado que é o tributo deste ano ás cantareiras.