O Fernando Blanco de Cee e o Eduardo Pondal de Ponteceso gañan Falemos+Galego

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

MUXÍA

A Punta da Barca, en Muxía, acolleu a gala final deste proxecto impulsado dende 15 centros da Costa da Morte 

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Foi un día marabilloso, non podemos pedir máis». Pilar Mirón, directora do instituto Ramón Caamaño de Muxía, dicía isto onte ao fío da unha da tarde. Muxía, precisamente, na Punta da Barca e cun día magnífico, foi este ano o concello anfitrión da gala final de Falemos + Galego, iniciativa de 15 centros educativos da comarca que, como dixo o alcalde, Javier Sar, vai de «sentirnos orgullosos de ser da Costa da Morte e de falar no noso idioma». Correspondéronlle a el os agradecementos: «Somos o punto de Galicia onde máis falamos galego, e témolo que seguir sendo, noraboa por estar aquí».

ANA GARCÍA

Non tivo o xurado unha decisión nada doada á hora de elixir o mellor lema e logo e o mellor vídeo no concurso ligado a este proxecto. Díxoo ben claro a voceira, a artista Viki Rivadulla: «Considerádevos gañadores xa só por defender a vosa lingua con tantísima creatividade. Os vellos estamos tranquilos. Confiamos en vós. Os rebeldes e teimudos da Costa da Morte ides facer que o galego non desapareza». O galardón por logo e lema foi parar ao instituto Eduardo Pondal de Ponteceso, por un traballo da autoría de Kaila Soage Castro. Mentres, o galardón ao mellor vídeo recaeu no IES Fernando Blanco, de Cee, un traballo a modo de telexornal da autoría de Manuel Fernández, Clara Belforth, Carlos Trillo, Javé Díaz, Juda Díaz, Edu Alcalde, Claudia Amigo, Adrián Díaz, Lucía Canosa, Brais Canosa, Xairo Carreira, René Gavilán e Mayra Paz.

ANA GARCÍA

Conduciu a gala a regueifeira coristanquesa Lupe Blanco, un encontro amenizado por Malleira, o grupo folk da Escola de Música de Cee e a banda Ulex, «rock atolondrado» que puxo ao público en movemento. Xunta, CFR da Coruña, Deputación e Concello muxián colaboraron na exitosa cita.