A desembocadura do Anllóns garda numerosos lugares onde gozar da natureza e o patrimonio histórico e literario da comarca
18 mar 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Xan Fernández Carrera invita ao oíntes de Radio Voz e aos lectores de La Voz a gozar do tramo final do Anllóns.
Cómo chegar. Desde Ponteceso collemos a estrada que vai a Corme e no Couto xiramos cara Balarés e primeiro imos ata Monte Branco por unha pequena pista que sae á esquerda para ver a panorámica desde o alto. Cara o leste vese todo a valgada de Ponteceso, A Graña, Tella e Nemeño; cara o sur están as terras de Cabana e ao lonxe os montes de Borneiro, e ao oeste Balarés, Laxe e ao fondo Camelle.
Que ver. A Enseada da Insua é un dos espazos naturais máis importantes de Bergantiños e a Costa da Morte con distintos ecosistemas: a marisma (onde está a propia vila de Ponteceso), as xunqueiras, os limos (areas) e a propia Barra, e cada un ten a súa propia flora e a propia fauna. É un espazo moi interesante para a observación de aves, tal como catalogou o especialista José Luís Rabuñal, que descobreu que aquí chegan aves procedentes de Norteamérica. Un espazo de moita riqueza que é preciso conservar.
Terra de Pondal. O poeta naceu en Ponteceso e sempre estivo ligado a esa terra, que tamén está moi presente na súa obra. Nos topónimos buscou nomes para os seus heroes e con el pódense facer rutas a nivel local e mesmo de toda a comarca.
A pé. Ofrece moitas propostas para pasear gozando do silencio ou os sons da natureza. Unha opción e partir de Ponteceso, pasar por Cospindo para ver a igrexa onde foi bautizado Pondal, atravesar a aldea do Couto e meterse no xuncal para bordear toda a enseada pola banda dereita ata as dunas e logo xirar cara a praia de Balarés, onde hau un pinar e un merendeiro ideal para comer. A ruta continúa pola beira do mar ata Corme.
Outros lugares de interese. O Roncudo, a vila mariñeira de Corme, o lugar de Anllóns, os muíños da Saimia, Ponteceso e a Fundación Pondal.