
Bergantiños inspíralle «familiaridade, identidade». Actúa esta noite no Couto. Para ela serán as súas primeiras Festiletras, mais xa recoñece que o lugar lle toca o corazón. Vén con ganas
21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Di que a súa «mamá» é «bergantiñá» e que o seu xenio tamén é «bergantiñán total». Os avós, de Berdillo (Carballo). «Sempre me di [miña nai] que serei de meu pai en todo, menos niso [no xenio]», afirma. María Xosé Silvar, Sés, nada no 1983, sente orgullo por tal cousa. Por esa forza que leva dentro e por ter raíces nunha terra que, di, garda unha mina en cultura, música e baile. Así o confesou onte en Radio Voz Bergantiños, onde falou do seu concerto desta noite nas Festiletras do Couto (Ponteceso). Os seguidores de Sés tamén poderán vela na noite do Asalto ao Castelo de Vimianzo. «Meus avós foron moi bos bailadores. Meu avó é moi bo bailador. Aínda hai uns anos que lle botamos uns maneos xuntos». Sés é coruñesa, pero síntese «moi bergantiñá». Como anécdota, lembra que Mercedes Peón lle preguntou un día de onde era: «Díxenlle que da Coruña e dixo ela: '¿Da Coruña? ¿Ti?' Preguntoume: '¿Pero de onde é a túa familia?'. Díxenlle que de Berdillo. E ela: 'Ah, agora entendo todo'». Con este recordo dunha orixe que marca respondeu á pregunta de que representan para ela esas labregas bergantiñás que mesmo dan título a unha das súas pezas: «En Bergantiños coñecín ás mulleres máis bravas, o que ela [Peón] chama sempre o matriarcado máis sólido do país».
Fala da optimización de recursos, do moito que fixo e fai a muller galega: «Eran McGiveres e de todo». Delas, máis que as súas habilidades e talentos, que tamén, recalca unha idiosincrasia única, simpática e vehemente. Son bravas e á vez tenras: «Miña tía, miña nai ou miña avoa quizais non son moito de demostrar explicitamente o cariño, pero queren con loucura. Son leonas. E sono ademais con moita sorna, moita retranca, unha risa dende o intestino». Son «mulleres auténticas», di referíndose ás bergantiñás.
Sés reivindícase como cantareira e non como cantante -igual que, apunta, Estrella Morente é cantaora-. Pensa, neste sentido, que no noso país non se desenvolveu un orgullo, «porque nos machacaron tanto que fixeron que nos avergoñásemos de quen somos, fixeron que a nosa cultura e a nosa música perdese prestixio social». Pese á maxia que desperta no público subir ao escenario só cunha pandeireta.
Actuou o verán pasado no Nordestazo de Malpica ou na Carballeira de Zas, e agarda con «moitísima ilusión» o concerto desta noite nas Festiletras. Son as primeiras para ela e sabe desa «historia longa e bonita» que teñen detrás. Polo feito de que a súa baterista e o seu baixista teñan «o mal costume de comer», sinala que case nunca acepta concertos en acústico, tan só en institutos («porque os rapaces teñen que saber que existe un idioma e que se pode facer música nel») e en lugares «que me tocan o corazón». Como O Couto. Asegura que estes adoitan ser concertos especiais, nos que canta do que ela quere e do que lle piden: «Son unha tía moi normal, igual abaixo ca arriba». Facendo unha salvedade, di moi brevemente o que verán hoxe aqueles que se acheguen ás Festiletras: «A verdade, o que hai. Esa é unha máxima». Sés recoñécese un tanto «caótica» e iso, confesa, é algo que tamén saben os seus músicos e técnicos. A escaleta nos concertos é mera orientación.
Ao longo da súa traxectoria foi «aprendendo a ensinarme mellor» e cre ver este devir reflectido no seu terceiro disco, Tronzar os valos: «É o que soa na miña cabeza cando fago os temas». Di que non busca nin espera nada cando compón: «Simplemente despois alédame ver que a xente empatiza, que se sinte acompañada e entendida». Unicamente escribe coa idea de plasmar as súas emocións, «e unha vez que iso está feito, sen esperar nada, se enche e dá forza, é a hostia». Rexeita «facer algo para», con un fin, condicionar a arte ao mercado, vender aire, algo que cre, «e esta é a miña opinión», que ocorre en moitas ocasións. «O 99 % das cousas que canto son certas», afirma. Entende os seus discos a xeito «libro de relatos», de forma que conteñan algo de todo, algo que non lle aburra a ela mesma. Logo, cada oínte é libre, por suposto, de valorar. Ela é «politicamente incorrecta». É Sés.