A Deputación compromete o apoió ós actos do centenario de Eduardo Pondal

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

TORRECILLA

O presidente, Valentín González Formoso, recibiu onte a varios membros do Padroado

13 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso, recibiu onte a varios membros do padroado da Fundación Eduardo Pondal co fin de tratar sobre o centenario da morte do bardo de Ponteceso, que se cumprirá o 8 de marzo do 2017. No encontro de onte participaron, entre outros, o alcalde pontecesán e presidente da entidade pondaliana, Xosé Lois García Carballido, e o xerente, Xosé María Varela, que presentaron un esquema da programación prevista.

A Deputación informou de que González Formoso comprometeu o apoio do organismo provincial para levar a cabo as cen actividades que a Fundación está organizando co obxecto de «pór en valor a figura literaria de Pondal e as súas numerosas contribucións á cultura galega».

Os dirixentes da Fundación valoraron moi positivamente o encontro co presidente da Deputación e a súa disposición a prestar apoio á entidade, que ten previsto facer unha invitación formal a Vázquez Formoso para que visite o centro pondaliano.

Directivos da entidade tamén se reuniron días atrás co conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, e os secretarios xerais, Anxo Lourenzo e Valentín García, co mesmo fin.