Émoi interesante que de vez en cando se debata sobre algo máis que as paradas de De Gea ou se a gañadora de Supervivientes foi a que realmente o merecía, e se como tema alternativo se escolle a toponimia xa parecemos noruegos falando sobre cada que lado ten que ir a barra da Ø.
De novo sae o de Berdillo, con B, que é a súa forma oficial, ou con V, que é como piden a inmensa maioría dos veciños, apoiándose na tradición máis recente. Non teño nin de lonxe os coñecementos de Cabeza Quiles, e el avoga por Verdillo. Tampouco os da Comisión de Toponimia de Galicia, que no seu día viron que é máis correcto con B. Pero si estiven por algunhas zonas de Galicia onde este tipo de debates tamén existen, e ademais para os dous lados: se é con B, queren con V, e se é con V, con B. Ata vin pintadas nalgunha parroquia de Ourense, e non hai moito, nunha longa e lenta viaxe pola estrada que vén de Benavente. Ás veces, o que hai é unha reivindicación do propio, da unidade, da tribo: tirar pola mesma corda sabendo que a loita contra o oficial distingue. Non é tanto o galego como o castelanizado (ese debate é outro, ou máis ben non debería existir), senón un xeito de orgullo [xa postos: en galego, e oficialmente, é San Lourenzo].
Con todo, as actitudes non quitan que ás veces non haxa razóns obxectivas. Igual Verdillo si as ten. Miro na hemeroteca da Voz e xa atopo moitas referencias a Verdillo xa dende finais do século XIX. E tamén moita xente que se apelidaba Verdillo (lamentablemente, este apelido perdeuse), así que o uso era habitual. Moi preto de Corme está a punta Verdillo, así como se le. Polo tanto...