Levo varios días reunindo na miña memoria marabillosas experiencias sobre patrimonios culturais locais. Hai unhas semanas, participando no proxecto arqueolóxico do campamento romano de Penedo dos Lobos, en Manzaneda (Ourense), o salón de actos deste concello da montaña, cun gran problema de despoboamento, encheuse para escoitar os resultados da intervención. A veciñanza coñeceu en primicia os resultados da campaña e puido ver en detalle as pezas que recuperamos daqueles militares romanos de hai máis de dous mil anos. O domingo pasado, en Niñóns (Ponteceso), encheuse un auditorio para coñecer un libro sobre as casas da contorna e escoitar falar dos canteiros.
E este sábado todo indica que se producirá en Barbanza un éxito similar. Máis de cen persoas están inscritas para asistir a xornada A Pobra do Caramiñal no tempo, coñecer máis do pasado da vila a través de conferencias (incluída algunha gran sorpresa sobre a relación entre os irmandiños e o Nazareno, agárrense) e subir, xa pola noite, á aba do monte Curota para descubrir, con luz artificial, a fermosa historia que agacha o petróglifo da Pedra Leirada. Tivemos tanto éxito que houbo que convocar outra noite máis para poder responder á demanda.
Todo isto ten unha ensinanza clara: non é certo que á xente non lle interese o patrimonio cultural. Trátase máis ben de pensar en como facer máis interesante, máis atractiva a cultura e a historia.
O patrimonio é a mellor aposta que poden facer os políticos para tratar de animar a vida cultural dos seus respectivos municipios.