
A pontecesá Clara Amado está destacando pola súa voz en distintos actos na zona
28 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.A voz da pontecesá Clara Amado (17 anos) vén sorprendendo a moitos dun tempo a esta parte. Puidérona ter visto nalgún acto da Fundación Eduardo Pondal -a entrega dos Bos e Xenerosos, por exemplo-, na gala de entrega de premios do circuíto Correndo pola Costa da Morte e, aínda máis recentemente, na conmemoración do Día do Himno.
-¿Dende cando esa afección súa pola música e por cantar?
-Levo cantando dende os tres anos, máis ou menos. Sempre me gustou: cantar, os instrumentos... Meu avó cantou en igrexas, e no coro, e foime levando por ese camiño. Lémbrome collendo unha comba de saltar e cantando cancións de Chenoa ou de Bisbal.
-¿Toca algún instrumento?
-Si, pero aínda estou empezando. Non é nada profesional nin moito menos. Fun tocando pandeireta, frauta... pero actualmente toco o piano e a guitarra de xeito moi principiante, sen clases.
-Autodidacta, vaia.
-Si, pero xa digo, en todo caso dun xeito inicial.

-¿Cal é a música que escoita ou cales son as súas influencias?
-Normalmente, pop, que é a que máis sae na radio. Pero non son dun xénero musical único: gústame a música, sempre o dixen, e todo o que me chegue, como sentimento... Creo que o que conta é facer a canción túa e non intentar copiar a un ou outro artista, senón ter o teu propio estilo.
-Podemos ver en redes sociais como fai, de feito, versións.
-Si, empecei a facer esas versións hai cousa de ano e medio. Déuseme por aí, e dixen: «Por probar, non perdo nada». Así que puxen o perfil público para ter máis visualizacións. Creo que é un mundo difícil, pero tamén penso que por algo se empeza.
-¿Cara onde quere ir nese mundo que é difícil? ¿Cal é a súa idea?
-A miña idea é empezar dende o máis baixo, dándolle visibilidade ao que fago. Estiven cantando en igrexas e nalgún que outro evento, como a gala deportiva de Vimianzo. Cousas sinxeliñas que se se van coñecendo, moito mellor. E así, subindo, subindo.
-Unha das súas últimas intervencións foi na conmemoración do Día do Himno en Ponteceso e tamén no instituto. ¿Cales foron as súas sensacións neses actos?
-Foi algo xenial. Antes de empezar teño aí un nervio, pero é un nervio bo, un nervio de ganas de entrar. Pode que igual soe un pouco cursi, pero é coma se te transformases. O escenario dáche unha sensación moi bonita. Mirar á xente aos ollos... parece como que lle estás transmitindo algo. A veces collen algo de vergonza e xiran un pouco a cara [ri], pero a min gústanme moito ver cales son as súas sensacións.

-¿E como viu ao público?
-Moi xeneroso, aplaudíndome. Sempre podes dar máis, obviamente, pero penso que dei o que puiden. Estou contenta co traballo que fixen, e tamén teño claro que co tempo todo se mellora.
-¿Axúdanlle estes actos para irse dando a coñecer?
-Si, claro. Axúdanme a ir empezando por aquí pola Costa da Morte aínda que logo a miña idea pasa por ir tamén máis alá, por exemplo a través do canal de Youtube. Estou intentando ademais, pese a que vai ser moi difícil, algo así como compoñer: teño que ir aprendendo sobre isto.
-¿Os seus estudos van ir en torno á música ou pensa compaxinar esta con formación doutro tipo?
-Si, quero compaxinar. Actualmente estou en segundo de bacharelato e penso en distintas opcións, como Maxisterio ou algo polo estilo. Si teño claro, aínda así, que a música non a vou deixar de lado e que dunha maneira ou doutra vai entrar na miña vida. Non creo que faga unha carreira orientada a ela, pero quero que sexa algo compatible.
-¿E na casa? ¿Afeitos a oíla cantar seguido, tal e como dicía?
-¡Creo que un pouco aburridos, a verdade! [ri]. Pero espero que moi contentos. Apóianme todos: miña irmá, miña nai, meu pai, meus avós... ¡Todos, todos!
Un estilo propio. Youtube é unha plataforma de vídeos na que poden verse distintas versións de Clara Amado de temas de artistas como Adele, Rozalén (fantástica «La puerta violeta» ao teclado), M-Clan ou Beyoncé, entre outros moitos. A través desta canle pretende seguir calando na Costa da Morte, e máis alá.