Un Outono Pondaliano cargado de follas e de saber

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

David Ballesteros, director das Aulas Isidro Parga Pondal, nunha sesión antes da pandemia
David Ballesteros, director das Aulas Isidro Parga Pondal, nunha sesión antes da pandemia Ana Garcia

A Fundación Pondal promove un completo programa de actividades co apoio de diversas entidades

04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As follas do Outono Pondaliano é o nome baixo o que a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso vén de presentar un completo programa de actividades para este presente mes de outubro e tamén para o vindeiro de novembro. Reflexión, ciencia, literatura, monicreques ou teatro son algunhas das disciplinas que integran o calendario, sempre sustentado arredor da figura pondaliana. A entidade pontecesá leva tempo, ademais, na procura de futuro para o mundo rural, e aí se inxiren dúas das propostas máis destacadas, como son o foro de desenvolvemento no esteiro do Anllóns, en colaboración con La Voz e diversas entidades, e máis o foro Os Pinos, que se centrará na formación para traballar a madeira nunha comarca na que a tradición deste sector vén de lonxe.

Navegación na Xouva

Unha embarcación eléctrico-solar permitirá coñecer as marxes do Anllóns na xornada do 17 de outubro, precisamente dentro do foro dedicado a reflexionar sobre opcións a valorar para o esteiro. Silenciosa, avanzará sobre o río cun aforo limitado de tripulantes: haberá varias quendas, ademais. Neste Outono Pondaliano tamén se afondará nas relacións de Pondal con Pascual Veiga ou con Rosalía de Castro: para este último caso haberá unha xornada ao completo en Muxía, prevista para o día 31. Novembro, doutra banda, será un mes con moita presenza de propostas contra a violencia de xénero. Veñen semanas ben intensas.

Programa de outubro

Dende o 8 de outubro

Mindfulness para os máis pequenos . Nenos de 4 a 7 anos e de 7 a 12, diferenciados en dous grupos, acudirán a sesións de mindfulness impartidas pola psicóloga clínica Teresa Vilanova, responsable do centro Aqi&Agora. As plazas xa están totalmente esgotadas. As reunións terán lugar os xoves: catro en outubro (días 8, 15, 22 e 29) e outros tantos en novembro (días 5, 12, 19 e 26). Os pequenos de 4 a 7 anos, ás 18.00 horas. Os de 7 a 12, ás 19.00.

Sábado 10 de outubro

Volven as Aulas Científico Tecnolóxicas Isidro Parga Pondal. Serán os sábados, como ata o de agora: de 10.00 a 13.00.

Sábado 17 de outubro

Actividade lúdica e didáctica cos Bolechas. Ás 12.00 horas poderá gozar no Couto do espectáculo Os Bolechas e a porta dos Camiños, unha actividade lúdica e didáctica incluída no programa Falaredes 2020, da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Xunta de Galicia).

ANA GARCIA

Foro La Voz: desenvolvemento rural no esteiro do Anllóns. Xa pola mañá, na sede da Fundación Pondal, estarán presentes varios informantes abordando o desenvolvemento no esteiro do Anllóns. Ao foro propiamente dito, doutra banda, acudirán representantes de diferentes entidades, cunha intervención especial do director da Fundación Juana de Vega. Pola tarde, no peirao de Ponteceso, poderán coñecerse vellas rutas polo Anllóns (ouro, sal, madeira, area...) da man da cooperativa CEM. Abordarase, tamén, a importancia ornitolóxica e ambiental do espazo. Destaca a proposta de navegación na Xouva, unha embarcación eléctrico-solar, con aforo limitado: este barco, totalmente silencioso, permitirá aos tripulantes observar as marxes do Anllóns. Embarcacións similares operan nas Rías Baixas, Sada, Betanzos, Castrelo de Miño... Este percorrido será con convidados do sector institucional, turístico e cultural. Distribuiranse, ademais, cadeiras, coa debida distancia, e co apoio de Viños Paadín, poderán os presentes gozar dunha cata de albariños mentres agardan quenda para subir á Xouva. Fundación Juana de Vega e Concello apoian esta xornada.

Domingo 18 de outubro

Ofrenda floral en Mondoñedo. Mondoñedo é a terra de Pascual Veiga, autor da música do Himno Galego, con letra de Pondal. É por iso que a fundación acudirá ata a localidade, na celebración de As San Lucas, para tomar parte nunha ofrenda floral. Será un grupo reducido o que se desprace, lonxe das comitivas doutras ocasións. Alí haberá unha lembranza, pois, para os dous talentos.

Sábado, 31 de outubro

Sesión de monicreques. A cargo de Baobab Teatro: ás 12.00 horas.

Rosalía e Pondal, en Muxía. Promovida pola Fundación Rosalía de Castro, co alento da Pondal, será esta unha xornada especial, dedicada á autora padronesa e ao seu paso pola Costa da Morte. A idea é levar á escritora aos lugares xeográficos e simbólicos que foron importantes na súa vida e obra. A relación de Rosalía con esta comarca foi fecunda literariamente e en vivencias, da man da amizade coa irmá de Eduardo Pondal, Eduarda. Letras, música ou visitas guiadas integran o programa, a desenvolver no Parador. Financia a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través do programa Xacobeo 2021.

Real Academia Galega

Programa de novembro 

Martes 3 de novembro

Foro Os Pinos. Continuidade dun proxecto emprendido xa hai unhas cantas edicións. Formación para traballar a madeira. Futuro.

Con N de Neira VilasInterpretación lírica do libro Cantos de amor, con textos de Xosé Neira Vilas, a cargo de Victoria Álvarez e Vicente Castro. Actividade brindada a través da editorial Embora.

Ao longo do mes

Con N de XéNero. Novembro é o mes no que se conmemora o día internacional contra a violencia machista. Para estas datas a Fundación Pondal seguirá con algunhas das súas actividades contra a violencia de xénero e con máis propostas do ciclo Saberes de Muller. Unha das ideas, por exemplo, é ir partillando nas redes, fundamentalmente o Facebook da entidade, os vídeos de todas as mulleres gravadas para o recente documental de Omar Rabuñal, que leva por título, precisamente, Saberes de Muller. Experiencias vitais en fragmentos de curta duración.

ANA GARCIA

Mércores, 25 de novembro

Cita con Os Quinquilláns. Función A pluma viva de Rosalía, contra a violencia de xénero, a cargo da compañía Os Quinquilláns.

Sen data aínda

Círculo de diálogo, dentro do Espazo Educar. Círculo de diálogo na nova normalidade, con Juan de Vicente.