Dous títulos de referencia na bibliografía bergantiñá

La Voz CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

ANA GARCIA

Carballo acolleu o venres a presentación de Cancioneiro de Buño. Hoxe, martes, será día de Cova Céltica en O Couto, Ponteceso, arredor de Con Pondal en Bergantiños

15 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Como xa se tivera feito en Malpica ou na propia Real Academia Galega, este pasado venres deuse a coñecer dende Carballo a obra Cancioneiro de Buño, de Dolores Cancela Pérez, Dolores de Margarita. O auditorio da biblioteca Rego da Balsa acolleu ao editor literario da obra, o malpicán Xosé Manuel Varela, mais tamén a Estevo Lista, sobriño-neto de Dolores, e Antonio Fernández, autor das fotografías. Os tres estiveron acompañados polo avogado e escritor coristanqués Xosé Antonio Andrade, quen asumiu a presentación. Entre o público, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, entre outros. Unha obra sen dúbida referencial na bibliografía de Bergantiños, no tcocante, neste caso a patrimonio inmaterial. Dolores, labrega de Buño, era apenas unha moza de 17 anos cando coas súas coplas alimentou o espazo Cantares populares de Galicia do Boletín número 58 da Real Academia Galega, ano 1911. Serían un total de 84 as pezas reunidas en varios números, ata o ano 1913, as primeiras recollidas en Malpica e, seguramente, tamén na Costa da Morte.

Hoxe, Cova Céltica en O Couto 

Cadra que tamén é Xosé Manuel Varela Varela o editor literario da publicación Con Pondal en Bergantiños (Galaxia), obra que esta tarde será obxecto de presentación e análise na sede da Fundación Eduardo Pondal, en O Couto, Ponteceso, durante unha nova Cova Céltica. O encontro, presentado e moderado pola escritora cormelá Diana Varela, reunirá a partir das 18.00 horas a Víctor F. Freixanes, presidente da RAG; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Francisco Castro, director da editorial Galaxia, e Xosé Manuel Varela, editor literario. Fernández del Riego (1913-2010), apenas un neno de catro anos cando morreu Pondal, fai nesta publicación un percorrido pola vida e obra do «poeta solitario que canta o mar e os piñeiros da nosa costa brava de Bergantiños».