Ponteceso conmemorou o 115 aniversario do himno de Galicia

Xosé Ameixeiras
a. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Ana García

Fíxose unha ofrenda floral diante do monólito de Eduardo Pondal e interpretáronse unhas pezas musicais

21 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Os rumorosos foron onte ben sonoros na beira do Anllóns na conmemoración do 115 aniversario da primeira interpretación do himno de Galicia en La Habana, o 20 de decembro de 1907. A celebración comezou no instituto Eduardo Pondal coa intervención dos membros de Luar Na Lubre Bieito Romero e Irma Macías. Xunto con Xosé María Varela, xerente da Fundación Pondal, Romero deu a súa visión do himno galego, o proceso creativo por parte de Pascual Veiga e Eduardo Pondal.

O músico foi debullando a súa visión dos versos do bardo de Ponteceso, o uso da metáfora dos pinos e o ruído que fan movidos polo vento para convertelos en voces do pobo galego. É un dos poucos himnos que comezan cunha pregunta. Un poema musicado que invita a todo o pobo, o clan de Breogán, a espertar do seu sono e buscar a liberdade. De seguido, Bieito Romero e Irma Macías interpretaron, entre outras, Fisterra, O Cristovo, San Fins e o Romance de don Gaiferos.

Logo, alumnos, acompañados polos representantes das fundacións Pondal, Xosé María Varela; Rosalía de Castro, Anxo Angueira; Curros Enríquez, Antonio Piñeiro, e Carlos Casares, Gustavo Garrido García, fixeron unha ofrenda floral diante do monólito pondaliano. Irma Macías interpretou o himno.