Ponteceso inaugurou a súa biblioteca dixital coa presenza dos Bolechas e da subdelegada do Goberno, María Rivas
09 mar 2023 . Actualizado a las 22:01 h.Ponteceso estreou onte a súa biblioteca dixital, a primeira da Costa da Morte, reivindicou o Concello, que quere ser referente en lectura. «Poder ter unha biblioteca na man con máis de 8.000 títulos hoxe é unha realidade, grazas á colaboración do Ministerio de Cultura, representado pola subdelegada do Goberno, María Rivas, e á Xunta, con Galicia Le», dixo o alcalde, Lois García. Por iso optaron por unha «gran presentación» e convidaron á familia Bolechas.
«É unha satisfacción estar hoxe aquí (...) Tedes un alcalde moi pesado. Está sempre petando na porta, cada vez que hai unha posibilidade de traer un novo servizo a Ponteceso, está o primeiro da fila dicindo que o quere. Non temos máis remedio que aceptar», afirmou rindo Rivas. Indicou que con esta medida o que se pretende é achegar a lectura a todos, especialmente aos máis novos: «Tedes aquí unha biblioteca aberta as 24 horas, accesible. Lede moito, é fundamental, divertido».
A subdelegada do Goberno afirmou, ao fío de servizos coma este e parabenizando ao consistorio pola súa adhesión a eBiblio, que son claves para que a xente «queira vivir aquí». Fixar poboación. «Que todos teñamos acceso a cultura independentemente de onde vivamos», abundou. Nesta plataforma, Galicia é a cuarta comunidade en número de usuarios, case 10.000, e a quinta en préstamos. Foi o alcalde o encargado de explicar como darse de alta tendo un dispositivo electrónico, doado e rápido con só ter o carné de socio da biblioteca física. Comeza unha activa campaña na procura de usuarios, na que os centros educativos van ser clave.