Corme quedou feito unha desgraza da Festa do Percebe. Unha inxente cantidade de plásticos quedaron estrados polo chan. Era un clamor contra a falta de civismo. E iso que o Concello de Ponteceso xa tomara medidas e conseguiu reducir en parte o panorama dantesco que xa se puido ver tamén noutras celebracións multitudinarias. Divertirse non dá dereito e emporcar. Sucedeu algo parecido na Mikaela de Buño. Eran totalmente impresionantes as imaxes de sucidade acumulada. E así un lugar detrás do outro. O Concello de Vimianzo tivo que dedicar onte entre seis e oito persoas para eliminar os refugallos das consumicións de toda unha noite. Mentres os membros da orquestra Panorama retiraban os seus instrumentos e os elementos do son, os traballadores municipais tiñan que andar coa varredura. Un custo e un labor innecesario se a xente se comportara con civismo. As comisións e os concellos terán que tomar medidas, pois non se pode admitir que mentres toda a sociedade, organismos públicos nacionais e internacionais e numerosas institucións están loitando e traballando, con custos moi elevados, contra a contaminación, hai xente que, polo mero feito de ser festa e ir a unha verbena, tira todo o lixo no chan coma se fose a cousa máis normal do mundo. Non hai máis hixiene onde máis se limpa, senón onde menos se ensucia. E non estaría de máis que dende as formacións musicais, sobre todo as orquestras de masas, lanzaran mensaxes á xente de que non emporcalle o entorno. Diversión limpa e saudable, debería ser o gran obxectivo, pero non, parece que a xente reclama o seu dereito a emporcallar.