«As cousas grandes fanse así, dende abaixo, entre todos»

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO/ LA VOZ

PONTECESO

Intensa xornada de apertura das Festiletras do Couto, na que se rendeu homenaxe ás mulleres do mar: ¡revíveo neste álbum de fotos! 

31 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

«O que hai aquí non o vexo por ningures. As cousas grandes fanse así, dende abaixo, entre todos. Parabéns». Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro e voz poética do acto Literatas: as mulleres do mar, condensou onte nestas fértiles palabras o espírito das Festiletras do Couto, en Ponteceso. Está en marcha dende onte a 42.ª edición, un novo milagre, e así o admiraron os directores xerais de Loita contra a Violencia de Xénero, Roberto Barba, e Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde. Abraiados se declararon da marea de nenos xogando e da altísima afluencia, con aparcamentos inzados, a unha aldea que agasalla vida, como un santuario escondido que agocha unha apócema mentres a vida de a cotío segue fóra, noutros lados: «Hai que vivilo».

Rosalía de Castro, dixo Angueira, dedicouse todo o que puido a dignificar a muller. Tamén oficios pouco valorados. Caso desa costureira do poema que recitou. Literatas, iniciativa da Fundación Pondal e da súa Casa da Muller, naceu como espazo de reivindicación e visibilización en feminino. Neste 2024 non podían ser outras as protagonistas que as mulleres do mar, os primeiros faros da historia: representando a traballadoras da conserva, regateiras e pescantinas, percebeiras, anguleiras, mulleres e nais de mariñeiros, redeiras e mariscadoras, recolleron galardóns Marité Bello, Isabel da Amalia [no seu nome, Lolita Chans], Oliva Imia, Prudencia Rodríguez, Gloria Suárez, Rosa Rodríguez e Yaqui Lista. Vidas de loita e orgullo, quilómetros e quilómetros a pé, aínda con lóstregos, para vender peixe, percebeiras que atoparon no mar unha vida máis independente, angula escorregadiza que quitaba fame, redes saídas do traballo a pulso (e a man), longas noites escabichando e sacando tripas, vivir no presente, coa incerteza de saber se o barco volverá...

BASILIO BELLO

As súas testemuñas, recollidas en vídeo por Omar Rabuñal, foron aplaudidas e coroadas polas cantareiras de Inllar, xusto antes de enfiar camiño ao cemiterio de Cospindo, onde se fixo unha ofrenda floral a Eduarda Pondal. Soaron as gaitas. «Miran ás literatas peor do que mirarían ao demo», escribira Rosalía. Visibilización, tamén, para Eduarda.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO

Artesanía, divulgación, música, gastronomía, literatura, humor, teatro... Todo iso segue hoxe nas Festiletras, como segue tamén o traballo do ourensán Mon Devane, autor do mural conmemorativo das Festiletras deste ano. Foxe, dixo para os visitantes, da imaxe sempre compartida de Rosalía, pero a inspiración é ela, representada a xeito de cerámica tradicional outeando figuras que asemellan barquiños nas ondas. Deixouse guiar por esas últimas palabras atribuídas á autora: Abride a fiestra, que quero ver o mar. Foi Devane a panca do convite posterior, a visita á exposición A Casa de Galicia: 50 anos da Casa de Rosalía. Como inmellorable guía, o propio Anxo Angueira.

Fillas de Cassandra para as 14.00 horas

Por problemas de orixe técnica, segundo deu a coñecer onte a organización, houbo de facerse un cambio nos concertos deste sábado. Fillas de Cassandra, programadas para a noite, pasarán a actuar ás 14.00 horas, en formato acústico. Estaba previsto nese intre Sés, que pasa xa que logo ás 22.00, acompañada de toda a súa banda. Máis detalles da programación para hoxe, nas liñas inferiores.

O programa deste sábado 31 de agosto, en detalle

POLA MAÑÁ

Ás 11.00 horas, apertura do Mercado Deputación, da 42.ª Feira de Artesanía e do Espazo Miudiño. Máis de medio cento de artesáns. Na sede da Fundación, tamén ás 11.00 horas, bailará Arume de Caión danza de arcos, dando paso logo a un novo encontro de Aldeas Singulares, desta volta «Aldeas do mar». En paralelo, dende o Mar de Ardora chegarán Marisol Martínez e Iria Ferrín, para compartir coñecementos culinarios. Cé Pantasma encargarase do pasacabonetes. Máis música chegará en tempo de vermú con Ataque Escampe, na eira de Pailetes, un concerto previsto para as 13.00 horas. E ás 14.00, velaquí o cambio na programación, serán Fillas de Cassandra as que interveñan, en acústico, na eira de Cambón.

Xogos no Espazo Miudiño e aberto todos os días, de balde
Xogos no Espazo Miudiño e aberto todos os días, de balde BASILIO BELLO

POLA TARDE

Pasacabanotes é un formato cuxo nome non deixa lugar a dúbida. Unha xira polos cabanotes da aldea. É o que fará, ás 16.00 horas, a Escola de Gaitas de Outes. Ás 17.00, Sandra Varela, de A Casa de Lelo (Ponteceso), ofrecerá un novo «showcooking» con produtos da despensa do mar. Tamén ás cinco, na rúa Travesa, Paco Nogueiras presentará libro-discos. Na Fundación Pondal será ás 17.00 tempo de Cova Céltica, coa presentación da obra «Dun poema as ardentes estrofas», coordinado por Espiral Maior Foro. Antía Muíño, con toda a súa banda, tocará na eira de Cambón ás 18.00. Ás 19.00 chegarán Quico Cadaval e a banda Malante. Ás 20.00, na eira de Pailetes, concerto de Lontreira.

POLA NOITE

As propostas nocturnas deste segundo día de Festiletras comezarán ás 21.00 horas, no adro da igrexa de Cospindo, coa representación de «Naufraxios», da compañía aAntena, teatro para dar a coñecer esta parte da cultura inmaterial da Costa da Morte. Os naufraxios forman parte da historia e do imaxinario colectivo do teatro. Comenzará ás 22.00 o tempo de música, cun cambio na orde dos concertos. A primeira en intervir será Sés, con toda a súa banda, na eira de Pontedona: 22.00 horas. Logo, Depedro, ás 23.30. E, por último, pechando a velada (01.00 horas), o furacán Mondra. Cabe lembrar que dende as 10.00, todos os días, haberá Zona Gastro e tamén opción de «leiring» (acampada).