As Festiletras do Couto, unha aldea «á última», superaron toda previsión

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Máis alá das cifras, a organización festexa o carácter «familiar» acadado: ¡revive todo neste macroálbum! 

02 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Por onde comezar? Polo madrileño Depedro implicadísimo co lugar e afirmando que as Festiletras da aldea do Couto lle cambian a un a vida? Por Antía Muíño e toda a súa banda refuxiada da choiva tocando en acústico nun galiñeiro? Pola mutación do tempo en tan só unhas horas pasando do orballo do sábado a un domingo no que «caen os paxaros»? Deu tempo a todo. Remataron onte as 42.ª Festiletras e superouse toda expectativa, por máis que a previsión, á luz da venda de entradas, xa era moi boa. A choiva da tarde-noite do sábado puxo á organización fronte á tesitura de suspender concertos, pero déronlle media hora de confianza ao tempo e retrasando cada intervención chegaron a unha noite que finalmente quedou «boísima».

Segundo os datos que facilita Adrián Varela dende a dirección, Sés, Depedro e Mondra reuniron o sábado 1.800 persoas. O aforo máximo. Non obstante, foron moitas máis as que se achegaron durante o día á aldea pontecesá: non facía falta entrada para percorrela, para entreterse cos seus xogos, pasacabanotes, amplo abano de produtos artesáns, exhibicións gastronómicas... Calculan que unhas 2.500. Para onte, ante o «abarrote» do mediodía, agardábase outro tanto.

BASILIO BELLO

Falar destas cifras nunha aldea é falar de que cada vez custa máis entrega atender todos os detalles de organización, control ou limpeza en rúas, eiras, alpendres e demais. Iso, malia a que os voluntarios tamén medran, sobre 150 persoas que axudarán antes, durante ou despois. Números altos que sempre conlevan acertos e erros, pero superados polo «espírito familiar» das Festiletras: «Vexo nenos que van medrando con nós ano tras ano, que repiten», dicía Adrián a iso da unha e media da tarde, encantado tamén pola calidade das agrupacións de música e baile tradicional da comarca.

BASILIO BELLO

Pode falar con coñecemento de causa o carballés Hadrián García. Usuario reincidente, voluntario no seu día e, onte, en calidade de artista. Se pola mañá sacaron polas rúas coa Escola do Alprende choqueiros, varredoiros e madamitos, con eses descoñecidos e chamativos traxes recuperados, pola tarde terían a honra de case pechar a edición deste ano coa «ruada» que ofrecería De Ninghures. «Estou encantado de vir aquí. O Couto é sinónimo de cultura, e de cultura galega, un espazo seguro en todos os sentidos, sénteste como na casa. Programan de todo, e para todos os gustos, pero sempre tendo en conta as raíces. Tocar aquí é un soño».

BASILIO BELLO

Hadrián é, ademais, mestre en Inllar: «Vai ser todo moi familiar, como é O Couto en xeral», concordaba coas palabras de Varela. Inmellorable broche para o intenso verán de De Ninghures, e ademais con sorpresas: «E moito baile, a música sen baile non é absolutamente nada». «O Couto parece que non pasa o tempo por el. Conserva toda a nosa arquitectura tradicional, os balados, as laxes... Semella que estamos nos 60/70, pero é unha aldea á última, en todos os sentidos», engadía.

BASILIO BELLO

«Parafraseando á gran Guadi Galego, o Festiletras é como o mar, ten principios e non ten final. Se non visitastes nunca o festival da aldea do Couto non imaxinades como o amor pode bulir de cabanote en cabanote, medrar polas eiras, rubir polos pendellos e quinteiros ata se espraiar polos campos de maínzo como unha explosión de luz e boas vibracións que reconforta a alma», publicou a escritora Rosa Aneiros logo de pasar por alí. Será por iso que é punto de encontro, tamén, para os propios artistas, mesmo se non actúan. Nese senso agradeceu Sés ao festival, «contra vento e marea, por unirnos a todos, por unir xeracións».